×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading

A gastronomía galega destaca primordialmente pola variedade e calidade dos seus produtos. As mil paisaxes diferentes que conforman a nosa xeografía e a man sabia e laboriosa dos nosos homes e mulleres, xuntando tradición e modernidade, forman a combinación perfecta para acadar o produto a proba dos gustos máis diversos e dos padais máis esixentes.

Ollamos para o interior e véñennos á mente as nosas carnes, a recoñecida tenreira galega, ben acompañada polo porco e o polo de curral. O noso leite, dunha extraordinaria calidade, e os seus derivados, especialmente o queixo que é un dos máis grandes segredos que temos os galegos. A nosa variada horta, as nosas froitas e cereais. O mel, o ouro líquido que adoza as nosas vidas.

Pero tamén podemos achegarnos á costa e gozar dos nosos peixes e mariscos. Ao natural ou en conserva, a intensidade do seu sabor proporciona unha experiencia única e inesquecible. E apelando ao espírito de adaptación aos novos tempos que citábamos antes, as nosas algas, antano esquecidas e hoxe en día demandadas dende lugares remotos.

A tanta riqueza de sabores e aromas non podía resultar inmune á nosa cociña. O afán de preservalos, de realzalos se cabe, deu lugar ao longo dos séculos a unha elaboración na que prima a sinxeleza. Os adobados, especias e aditivos son empregados polos nosos cociñeiros e cociñeiras coa cautela do ourive. Preservando sempre a esencia do produto, a intensidade do seu sabor.

E que mellores compañeiros de viaxe gastronómico que os nosos viños. Se o albariño, presente nas cartas de medio mundo, é o embaixador galego por excelencia, para nada desmerece o séquito. Cada ano son máis os expertos mundiais que pasean os seus ollos e copas polas nosas adegas, sendo testemuñas dos sabores e aromas que fan que os caldos galegos triúnfen en calquera punto da Terra.