O CLUSAGA abrirá unha oficina comercial en Shanghai, China no 2012

4 Xuño 2012

O Cluster Alimentario de Galicia, participa na agrupación para a implantación comercial en China asumindo a coordinación e asesoramento técnico para a constitución dunha sociedade e apertura conxunta dunha oficina comercial en Shanghai no ano 2012. As empresas integrantes do consorcio son Bodegas Martin Códax, Aceites Abril, Kiwi Atlántico e Innolact, que nace co obxectivo de involucrar a máis empresas do sector alimentario galego.

Con tal finalidade tras completar o análise de viabilidade da proposta, por parte da Unidade de Intelixencia Tecnolóxica e Competitiva (UNITEC) do CLUSAGA e constituír a agrupación das catro empresas e do clúster ante notario, solicitouse unha axuda ao Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) na liña de Primeira Implantación Conxunta no Exterior (PRIMEX). O proxecto que avanzará na súa definición nos vindeiros meses, permitirá ás empresas participantes, acceder ao mercado de alimentos e bebidas mais grande a nivel mundial, tras superar a Estados Unidos a nivel de ventas en 2011, segundo un informe recente de IGD, analistas da industria alimentaria. Ademais está previsto que o mercado chinés de alimentos e bebidas se expanda ata acadar case 1,46 billóns de dólares cara ao final de 2014, tres veces o seu valor de 2006.

Este proxecto enmárcase dentro do programa CLUSAGA EXPORTA que inclúe tamén en 2012 a contratación conxunta de un xestor de internacionalización por parte dun grupo de pequenas empresas baixo o paraugas do clúster e que permitirá iniciar ou consolidar as exportacións dos produtos das empresa galegas de xeito colaborativo.

Outro proxecto en marcha é de intercambio comercial co cluster Fuchsia de Irlanda co obxectivo de que os produtos galegos estean presentes nas cadeas de distribución irlandesas e en Galicia se poidan atopar produtos tradicionais irlandeses.

Dende o inicio da activdidade do CLUSAGA a principios do 2011 a internacionalización do sector galego e o posicionamento da marca Galicia para que sexa recoñecida e valorada internacionalmente como de excelencia en alimentos e bebida é un dos seus obxectivos estratéxicos. Deste xeito no 2011 comezou coa participación en dous dos principais eventos a nivel mundial do ano pasado: International Food and Drink Event, IFE (Londres) e ANUGA (Colonia).

Cara o 2013 xa se están a abordar novos proxectos coa participación en eventos internacionais coma o estudo de viabilidade para a implantación comercial en Nova York con un novo consorcio que levará a marca Galicia ao mercado norteamericano.