×

Usamos cookies propios e de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continúa a navegar, consideramos que aceptar o seu uso. Pode obter máis información aquí.

Loading
Os Premios Galicia Alimentación 2017 destacan o papel da muller no sector alimentario

O Clúster Alimentario de Galicia celebrou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, a cerimonia de entrega da III Edición dos Premios Galicia Alimentación, e coma colofón ao II Foro Galicia Alimentación 2017. O evento contou con mais de 200 representantes do sector empresarial e de organizacións e institucións relacionadas co sector alimentario de Galicia.

O acto foi presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no que tamén estiveron presentes varios membros do goberno autonómico, coas conselleiras do Medio Rural e do Mar, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana, así coma o Presidente do Instituto Galego de Promoción Económica, Juan Cividanes, en representación da Consellería de Economía, Emprego e Industria. O Presidente da Xunta destacou a importancia de CLUSAGA e os seus membros como dinamizadores do sector alimentario.

Antes da entrega dos Premios o Presidente de CLUSAGA, Juán Vázquez Gancedo, deu un pequeno discurso onde destacou a importancia do sector da alimentación e bebidas en Galicia, o cal está en constante crecemento, representando o 14% do PIB da comunidade, con 2.290 empresas e 26.817 traballadores. O futuro do sector presenta unhas condicións moi favorables a curto prazo especialmente no ámbito da expansión internacional, con importantes mercados globais abrindo as portas aos produtos galegos.

Os Premios Galicia Alimentación 2017

A terceira edición dos premios foi convocada o 28 de Febrerio de 2017 e deu lugar á presentación de máis de 40 candidaturas nas diferentes categorías. O xurado, reunido o 20 de Abril de 2017, contou con representación da directiva do clúster, así como do Instituto Galego de Promoción Económica, a Axencia Galega de Innovación, as Consellerías de Sanidade, do Medio Rural, e do Mar, a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela; tamén estiveron presentes representantes de tres entidades patrocinadoras, Galega de Distribuidores de Alimentación (GADISA), Gas Natural Fenosa e Caixa Rural Galega. O resultado da elección foi:

O Premio ao Produto Innovador do Ano foi para o Ovo a baixa temperatura da empresa Granja Campomayor S.L. Trátase do primeiro ovo producido a escala industrial con estas características, xa que logo na actualidade o ovo a baixa temperatura é un produto elaborado en restaurantes de alta cociña de xeito limitado e no momento do seu uso. O innovador do produto é un proceso de elaboración por cocción do ovo, dentro da súa casca, que require un control exhaustivo dos diferentes parámetros, en particular da temperatura. O produto final ten unhas propiedades peculiares coa clara solidificada e a xema líquida, acadando un sabor e textura únicos.

En canto ao Premio ao mellor Proxecto Empresarial foi ex aequo para as empresas Pazo de Vilane S.L. e Casa Grande de Xanceda S.A.T. Pazo de Vilane converteuse nun proxecto pioneiro na produción de ovo de galiñas en Galicia, reactivando a economía rural, facendo énfase no papel e desenvolvemento da muller. Ademais, fomenta a cultura na comarca da Ulloa coa realización de actividades sociais e culturais. Casa Grande de Xanceda é unha casa do século XVIII, onde ten a súa sede a empresa, que se converteu no emblema da marca. Hai uns anos construíron a súa propia fábrica na que transforman ese leite das súas vacas en iogures, queixos e outros produtos lácteos ecolóxicos, que comercializan coa súa propia marca.

Na categoría de Estratexia de Mercado e Internacionalización, a galardoada foi a empresa Ingapan S.L.U. Trátase dunha empresa familiar dedicada á fabricación de masas conxeladas, especializada en empanadas galegas, pans de orixe, pratos de quinta gama e pastelería selecta. Comeza a súa actividade en 1959 cun pequeno obradoiro de pan en Lugo. Actualmente contan con varias marcas de importancia no mercado Español, sobre as que destaca Chousa, de contrastada calidade. Chousa fabrica produtos únicos e de indiscutible carácter galego, avalados por selos como BRC, IFS ou Galicia Calidade. Adáptanse a diferentes canais, Horeca, canal tradicional e gran distribución. Ademais de España, a empresa é líder en Portugal e ten presenza en 19 países. A finais de 2015 abriron a súa última delegación propia, dun total de sete, en Miami coa intención de exportar os produtos galegos a EE.UU.

Por último galardoouse a ANFACO-CECOPESCA co Premio Galicia Alimentación á Proxección Sectorial. É unha organización empresarial independente, fundada en 1904, cuxa labor se centra na representación e defensa dos intereses de máis de 230 empresas, conformando desta forma un autentico clúster no ámbito do sector agro-mar alimentario, estando o seu foco central en Galicia, onde ten a súa sede en Vigo. ANFACO desenvolve unha importante actividade en prol do sector transformador e conserveiro de produtos do mar na representación ante as diferentes administracións e organizacións e provee servizos especializados co fin último de potenciar a competitividade do sector ao que representa. Para axudar a consolidar a internacionalización do sector, leva participando en feiras profesionais internacionais e organizando misións comerciais e encontros empresariais, xornadas e congresos, na detección de oportunidades de negocio, prospección de mercados e cooperación internacional.

Premios Galicia Alimentación 2017