Aberta a convocatoria do programa DeseñaPeme 2021

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, publicou a convocatoria do Programa DeseñaPeme 2021, o cal ofrece axudas para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade nas empresas galegas mediante a incorporación do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas-identidade corporativa.

Beneficiarios

As axudas deste programa poderán ser solicitadas por microempresas, pequenas e medianas empresas individuais, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicita a axuda.

Tipoloxía de proxectos

Nestas axudas diferéncianse tres ámbitos do deseño segundo o tipo de proxecto a poñer en marcha nas empresas beneficiarias:

  • Deseño de produto: concepción e desenvolvemento de produtos novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial (12 meses de duración mínima do proxecto).
  • Deseño de servizos e experiencias: concepción e desenvolvemento de servizos e experiencias novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo e económico (12 meses de duración mínima do proxecto).
  • Deseño de marca e identidade corporativa: formulación de proxectos de identidade corporativa e marca, con especial atención á representación de valores sustentables e innovadores (6 meses de duración mínima do proxecto).

Tipo de axuda e incentivo

Trátase dunha convocatoria en réxime de concorrencia competitiva con subvención a fondo perdido do 50% dos custos de implementación incluídos no “Proxecto de Deseño para a Innovación e Sustentabilidade” (Axudas entre 5.000 € e 100.000 €).

A convocatoria dispón dun orzamento total de 1.500.000 €.

Custos subvencionables

  • Obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais.
  • Servizos de asesoramento en materia de innovación.
  • Activos materiais e inmateriais exclusivamente ligados ao proxecto (p. ex. moldes, utensilios, prototipos, etc.).
  • Servizos de apoio en materia de deseño para a innovación.
  • Persoal propio e persoal de nova contratación.
  • Equipamento e material instrumental de nova adquisición e non adquirido con fondos ou axudas públicas.
  • Adquisición de licenzas de propiedade industrial.
  • Material, subministracións e produtos similares.
  • Subcontratacións.

Presentación de solicitudes

As entidades interesadas en presentar solicitude á convocatoria deben facelo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, con prazo entre 03/07/2021 e 02/08/2021.

Event Schedule Details

  • 2 Agosto 2021
Compartir
Engadir ao Calendario