A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), publicou a convocatoria do programa InnovaPeme 2021, que ten como obxectivo axudar ás pequenas e medianas empresas (pemes) no financiamiento das actividades integradas nos seus plans de innovación, que lles permitan fortalecer áreas relevantes para a sistematización e internacionalización dos devanditos procesos, e estean aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia.
En total, a convocatoria destinará 2,8 millóns de euros ao impulso da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación. A axuda realizarase como subvención a fondo perdido, e conta cun incentivo do 50% dos custos de implementación do plan de innovación da empresa que vai desde os 40.000€ aos 100.000€.
As actividades subvencionables deberán permitir implementar ou incrementar as capacidades innovadoras da empresa solicitante, por exemplo aquelas destinadas a corrixir deficiencias de coordinación, a adquisición de servizos de asesoramento e apoio á innovación, a aplicación dun método de produción ou subministro novo ou significativamente mellorado, ou a organización do centro de traballo.
Poderán ser beneficiarios da convocatoria InnovaPeme 2021 as microempresas, pequenas e medianas empresas individuais e con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que solicitan a axuda. Exclúense as microempresas, pequenas e medianas empresas que xa resultasen beneficiarias do Programa InnovaPeme nas resolucións de concesión dos anos 2017, 2019 e 2020.
O orzamento subvencionable será dun mínimo de 80.000€ e dun máximo de 200.000€. A contía máxima da axuda que pode ser concedida aos plans de innovación determinarase sobre o investimento subvencionable de cada beneficiario.
As entidades interesadas en presentar solicitude á convocatoria deben facelo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo para facelo é dun mes a partir do día seguinte á publicación no DOG, que se produciu o 5 de maio de 2021. Por tanto, a data límite de presentación de solicitudes é o 7 de xuño de 2021.