Aberta a I Convocatoria para proxectos de dixitalización no marco do proxecto S3FOOD

O proxecto europeo S3FOOD, do que Clusaga forma parte xunto a 12 partners do resto de Europa, abriu a súa primeira convocatoria de axudas económicas para proxectos de dixitalización no sector agroalimentario cun valor total de 1.765.000 € repartidos nos seguintes cheques: de exploración, de validación e de aplicación.

A axuda é en forma de subvención ao 100% dos custos do proxecto cun máximo de 60.000 € por empresa participante.

Requisitos para solicitar os cheques

Poden solicitar estas axudas calquera peme tecnolóxica e/ou agroalimentarias con sede no espazo no que opera o proxecto S3FOOD ou calquera membro dalgún dos clústeres participantes.

Os Organismos Públicos de Investigación (OPIs), Centros Tecnolóxicos (CTOs) ou grandes empresas poden participar como subcontratados ou asumindo os seus custos no proxecto.

Temáticas dos proxectos de dixitalización

As temáticas que poden ser financiadas con estes cheques de S3FOOD son varias: sensorización e dixitalización en: seguridade alimentaria, control avanzado de produto, control e optimización de procesos, eficiencia de recursos (materia prima, ingredientes, enerxía, auga), mantemento preditivo, planificación avanzada de produción e recursos, flexibilidade produtiva, trazabilidad…

Tipos de cheques

Exploration voucher (Cheque de exploración)

Nel, financiaranse actividades como:

  • Consultoría e asesoramento dixital
  • Desenvolvemento de estratexia e modelo de negocio
  • Análise de mercado, estudos de viabilidade
  • Análise de competidores
  • Estudos regulatorios
  • Protección intelectual
  • Estudo de viabilidade da tecnoloxía a nivel laboratorio, ata un TRL* 5-6.

Condicións específicas: mínimo 1 peme. A axuda máxima por peme será de 15.000 € e a máxima axuda por proxecto de 30.000 €. Os gastos de subcontratación han de ser maiores ou iguais ao 50% do orzamento.

Validation voucher (Cheque de validación)

Financia a validación e/ou demostración da viabilidade técnica e económica dunha solución dixital nova ou mellorada nunha contorna relevante, sempre vinculando a aplicación ao sector alimentario. É dicir, actividades tecnolóxicas con TRL ≥ 5

Condicións específicas: mínimo 1 peme co apoio doutro organismo (Centro tecnolóxico, Universidade, outra peme, gran empresa…) ou ben 2 pemes. A axuda máxima por peme é de 60.000 €, a axuda máxima por proxecto de 120.000 €. Os gastos de persoal limítanse ao 80% do orzamento.

Application voucher (Cheque de implantación)

Financia a demostración dunha tecnoloxía, solución dixital na contorna operativa real dunha industria alimentaria. É dicir, actividades tecnolóxicas con TRL 7-9.

Condicións específicas: mínimo 2 pemes, coa participación obrigatoria dunha empresa da cadea de valor alimentaria. A axuda máxima por peme é de 60.000 € e a axuda máxima por proxecto de 180.000 €. Os gastos de persoal limítanse ao 80% do presuposto

Período e procedemento de solicitude

A data de peche da primeira convocatoria de axudas económicas para proxectos de dixitalización do proxecto S3 FOOD finaliza o 14 de maio de 2020 ás 17 horas CET.

No caso do cheque de exploración manterase aberta a solicitude en distintas datas ao longo do ano. O primeiro período finaliza o mesmo 14 de maio 2020 e os seguintes, o 15 de xuño de 2020 e o 15 de setembro de 2020.

Os proxectos deben presentarse de forma telemática na web do proxecto e no seu correspondente cheque/voucher a través da seguinte ligazón: apply-vouchers

Para obter máis información contactar no email s3food@clusaga.org ou no teléfono (+34) 617 49 69 01.

* TRL é un parámetro que fai referencia ao nivel de madurez dunha tecnoloxía e toma valores de 1 a 9. Un TRL próximo a 9 indica que a tecnoloxía está próxima a mercado; do mesmo xeito un TRL baixo significa que o desenvolvemento está a nivel de investigación académica.

Event Schedule Details

  • 14 Maio 2020
Compartir
Engadir ao Calendario