Axudas á implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG) 2025

Obxecto da axuda

Posta en marcha de proxectos individuais nos que unha empresa aborda medidas de impacto nos factores ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza), especificamente deseñadas ou desenvolvidas para o seu ámbito de actividade, cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desfeitos, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso en outros procesos produtivos; e tamén aquelas actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións.

Organismo convocante

Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Beneficiarios

As empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo aos empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.

Exclúense de axuda as seguintes actividades:

  1. A produción agrícola primaria e a produción primaria de produtos da pesca e da acuicultura.
  2. As actividades na explotación ou a bordo, necesarias para a preparación dun produto agrícola, pesqueiro ou acuícola para a primeira venda ou a primeira venda a revendedores ou transformadores.

Actividades elixibles

As empresas poderán presentar un único proxecto en cada convocatoria. No caso de que unha única entidade presentase mais dun proxecto só se tería en conta o primeiro que teña entrada no Rexistro electrónico.

Os proxectos propostos deben dirixirse a un ou varios dos 18 obxectivos que se agrupan en 4 tipoloxías: Globais, Ambientais, Sociais ou Gobernanza:

  • Globais:
  1. Auditoría e Avaliación de riscos ASG: proxectos de identificación, diagnose e propostas de xestión dos riscos relacionados cos factores ASG.
  2. Consultoría e certificación de empresa B-CORP.
  • Ambientais:
  1. Redución do consumo de recursos naturais, materias primas e semielaborados.
  2. Mellora da eficiencia enerxética (sistemas de control e optimización intelixente de consumos, excluído todo o relacionado con fontes, xeradores ou produción enerxética).
  3. Monitoraxe e control de procesos.
  4. Medición, monitoraxe e redución de pegada de carbono e pegada hídrica.
  5. Redución e/ou reutilización de residuos e subprodutos.
  6. Clasificación e/ou valorización de residuos e subprodutos.
  7. Deseño e desenvolvemento de envases e embalaxes ecoeficientes.
  8. Consultoría e certificación de Eco-deseño: ISO 14006.
  9. Incorporación de criterios de sustentabilidade nas compras.
  10. Análise de ciclo de vida e implantación de estratexias de deseño sostible baseadas no principio ‘berce a berce’.
  • Sociais:
  1. Diversidade e inclusión: elaboración de plans de fomento dun entorno de traballo inclusivo e diverso, promoción da igualdade de oportunidades e da diversidade en todos os niveis da empresa.
  2. Ética Laboral: propostas de prácticas laborais xustas e éticas, cara a asegurar condicións de traballo seguras e respectuosas.
  3. Elaboración de programas de investimento na Comunidade: participación en actividades que beneficien ás comunidades locais, programas de educación, saúde ou desenvolvemento comunitario.
  • Gobernanza:
  1. Estruturas das Xuntas Directivas: análises e propostas de establecemento de Xunta Directiva diversa e independente que supervise e guíe as decisións estratéxicas da empresa.
  2. Transparencia Financeira: propostas de mellorar a información financeira e a súa divulgación cara a garantir a transparencia.
  3. Ética empresarial: desenvolvemento de códigos de conducta empresarial que promovan a ética e a integridade en todas as operacións.

Gastos elixibles

  1. Activos materiais e inmateriais
  2. Servizos de consultoría externa, de deseño de procesos ou de produtos máis eficientes, ou organizativa

Tipo, contía e intensidade da axuda

Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva. Axudas en réxime de minimis.

A subvención será do 80% dos investimentos materiais e inmateriais e gastos de colaboracións externas subvencionables cos seguintes límites inferiores e subvención máxima:

  • Importe mínimo por empresa: 3.000 €
  • Subvención máxima por empresa: 60.000 €
  • Subvención máxima en proxectos só de consultoría, por empresa: 30.000 €

Cando un proxecto só de consultoría, se refira a un traballo específico para un só dos 18 obxectivos previstos, o importe máximo subvencionable por empresa será de 15.000 €.

Nos supostos nos que se contempla a certificación, os custos de certificación non se consideran incluídos nos límites anteriores establecidos para custos de consultoría.

Presentación de solicitudes

Pode presentar a súa solicitude ata o 30 de setembro de 2025 ás 14:00h na seguinte ligazón, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

Event Schedule Details

  • 30 Setembro 2025
Compartir
Engadir ao Calendario
WhatsApp