A Consellería do Medio Rural publicou a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2022.
Obxectivo e tipos de apoio
Axudas para investimentos en transformación, comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas. As axudas consistirán en subvencións en concorrencia competitiva, así como en garantías para préstamos destinados a financiar os investimentos. As solicitudes de axuda poderán incluír soamente unha destas dúas modalidades de axuda, ou ben conxuntamente as dúas, xa que son combinables entre si nas condicións indicadas nesta orde.
Beneficiarios
Empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda dedicadas á transformación e/ou comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren incentivables.
Investimentos
- Con carácter xeral, investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios (anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, excepto produtos da pesca). Así mesmo, poderán subvencionarse investimentos relativos a procesos de transformación en que interveñan produtos non incluídos no anexo I do Tratado, se estes son un compoñente menor do produto final (isto é, cando a cantidade ou valor económico total deles non supere o 25% do peso ou valor económico total do produto final).
- Os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización poderán ser produtos agrarios (incluídos no anexo I do Tratado) ou non agrarios (non incluídos no anexo I do Tratado). Para estes efectos considerarase que os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización son produtos agrarios cando a totalidade deles estean incluídos no anexo I do Tratado.
- Non obstante, non serán apoiables: a) Os proxectos en que o importe total dos investimentos subvencionables sexa inferior a 60.000 euros; e b) No sector vitivinícola os investimentos relativos aos produtos descritos na parte II do anexo VII do Regulamento (UE) nº 1308/2013.
Gastos incentivables
- Construción, adquisición e mellora de bens inmobles. A compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables.
- Compra de maquinaria e equipamentos novos, ata o seu valor de mercado.
- Os seguintes investimentos intanxibles: adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos, así como adquisicións de patentes, licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas relacionadas cos procesos produtivos.
- Os custos xerais vinculados ás alíneas 1) e 2) anteriores consistentes en honorarios de proxecto e dirección de obra, así como en estudos de viabilidade. O importe admisible nestes custos non poderá superar o 12% do importe total dos investimentos subvencionables das alíneas 1), 2) e 3) anteriores.
Non serán obxecto de axuda os investimentos relativos aos conceptos e actividades sinalados no anexo I da orde de bases.
Contía das axudas
- Subvencións: axudas para a execución de proxectos de investimentos. As porcentaxes máximas de axuda serán as seguintes:
- Empresas con tipos de produtos finais Incluídos na súa totalidade no anexo I do Tratado: 50%
- Non incluídos na súa totalidade no anexo I do Tratado: Microempresas e pequenas empresas: 30%; Medianas: 20%; Non pemes: 10%
O importe da subvención ou subvencións concedidas a un mesmo beneficiario non será superior a tres millóns de euros, e o importe das subvencións concedidas a un grupo empresarial non poderá superar o importe de seis millóns de euros.
- Garantías para préstamos: garantías do 80% do risco inherente a cada préstamo formalizado destinado a financiar os proxectos de investimento.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (publicada no DOG do 7 de febreiro de 2022).
O prazo de presentación de solicitudes de préstamos garantidos desta convocatoria finalizará o día 30 de marzo de 2022.
.