Business Factory Food (BFFood), a aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), pon en marcha a súa terceira edición para identificar e promover até un total de 16 proxectos innovadores de emprendimiento, tanto nacionais como internacionais, que dean resposta aos retos da industria alimentaria.
As startups, entidades e empresas que teñan unha idea innovadora poden presentar as súas candidaturas, tanto ao programa de aceleración como de consolidación, a través da web bffood.gal até o próximo 11 de xaneiro de 2021 ás 14 horas.
BFFood impulsou ao longo das súas dúas edicións a un total de 20 proxectos das 121 candidaturas recibidas, tanto desde España como desde fóra do continente europeo. Nesta nova edición escollerá até dez iniciativas para o seu programa de aceleración, de 9 meses de duración, e até seis para o de consolidación, de 12 meses de duración.
Business Factory Food busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos expostos polas empresas do sector da alimentación, que son: dixitalización e automatización; trazabilidad, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade e packaging; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización.
Tamén, exponse un reto aberto para calquera proxecto aplicable á industria que supoña a introdución dalgún tipo de innovación ou mellora.
Ademais, con motivo da situación xerada pola COVID-19, BFFood incorporou un reto especial co que busca proxectos dirixidos a fortalecer a resiliencia da industria alimentaria fronte a situacións de emerxencia derivadas de pandemias.
Os proxectos seleccionados na terceira edición de BFFood disporán do apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, accederán a un financiamento por parte de Gain de 25.000€ a fondo perdido no programa de aceleración, para o desenvolvemento do produto ou servizo, e dun préstamo participativo, que podería levar unha opción de capitalización, de até un máximo de 50.000€, a través de XesGalicia. No caso dos proxectos de consolidación, poderán acceder a un préstamo participativo que podería levar unha opción de capitalización de até un máximo de 250.000€ por parte de XesGalicia.
Cada proxecto seleccionado contará cun mentor específico, pertencente a unha das empresas tractoras de BFFood e socias de Clusaga, que se ocupará de conducir a súa evolución e guiarlles no seu desenvolvemento, facilitando a aliñación da proposta de valor coa resolución do reto. Nesta terceira edición, son Bodegas Martín Códax, Cafés Candeas, Calvo, Clavo Food Factory, Congalsa, Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), Gadis, Galacteum, Kiwi Atlántico, Larsa, Nueva Pescanova, Quescrem, Torre de Núñez e Viña Costeira as empresas que se encargarán deste proceso de mentoring.
BFFood, que forma parte da plataforma?StartIN?Galicia apoiada pola administración pública autonómica, conta, ademais, co apoio do tres universidades galegas, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), ANFACO CECOPESCA, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) no comité técnico.