Clusaga, en colaboración coa Consellería de Medioambiente e Cambio Climático, no marco da Alianza Galega polo Clima, e coa participación de Vegalsa-Eroski como empresa tractora, impulsa un ciclo de catro obradoiros orientados a promover a sustentabilidade e a descarbonización na industria alimentaria galega. A iniciativa está enmarcada no programa PROALIS-CARBON e contará cun formato participativo, centrado no traballo práctico en grupo e no intercambio de coñecementos.
O vindeiro 8 de outubro, de 9.30 a 14.00 horas, celebrarase no AC Palacio del Carmen (Santiago de Compostela) o terceiro obradoiro do ciclo, centrado na medición de dous indicadores esenciais en sustentabilidade: a pegada de carbono e a pegada hídrica.
Na fase teórica, as empresas participantes coñecerán os fundamentos do GHG Protocol, as distintas categorías do alcance 3 e a súa relación coa cadea de valor. Ademais, abordaranse os conceptos básicos para o cálculo da pegada hídrica.
Na fase práctica, aplicarase o método do caso a unha organización hipotética do sector alimentario, traballando na recollida e análise de datos, metodoloxías e ferramentas dispoñibles. Tamén se practicará a elaboración de informes de resultados que faciliten a toma de decisións nas empresas.
Para participar neste ciclo de obradoiros enmarcado no programa PROALIS-CARBON, de carácter gratuíto, é necesario inscribirse a través do seguinte formulario.









