Ciclo de Obradoiros PROALIS-CARBON | Perspectiva Climática: Riscos, Oportunidades e Dobre Materialidade

Clusaga, en colaboración coa Consellería de Medioambiente e Cambio Climático, no marco da Alianza Galega polo Clima, e coa participación de Vegalsa-Eroski como empresa tractora, impulsa un ciclo de catro obradoiros orientados a promover a sustentabilidade e a descarbonización na industria alimentaria galega. A iniciativa está enmarcada no programa PROALIS-CARBON e contará cun formato participativo, centrado no traballo práctico en grupo e no intercambio de coñecementos.

Obradoiro I. Perspectiva climática: riscos, oportunidades e dobre materialidade

A primeira sesión celebrarase o 10 de setembro de 2025 no Hotel AC Palacio del Carmen (Santiago de Compostela) e estará centrada na comprensión dos fundamentos necesarios para que as empresas poidan avaliar os riscos, oportunidades e impactos climáticos aos que se enfrontan. O obxectivo é axudar ás organizacións a realizar unha análise de dobre materialidade, integrando así os aspectos climáticos na súa estratexia empresarial. Durante o obradoiro presentaranse ferramentas e metodoloxías que faciliten a identificación e priorización de accións, sentando as bases para reducir as emisións e adaptarse ao cambio climático.

Esta formación desenvolverase mediante unha fase teórica, onde se explicarán os conceptos clave da dobre materialidade, tanto de impacto como financeira, e as bases para iniciar un proceso de avaliación de riscos climáticos. A continuación, aplicarase unha fase práctica e interactiva a través do método do caso. Nesta dinámica analizaranse situacións dunha organización ficticia do sector alimentario, abordando cuestións como a cadea de valor, os grupos de interese, os impactos e riscos identificables, e as oportunidades desde unha dobre aproximación: top-down, baseada en marcos de sustentabilidade corporativa, e bottom-up, a partir da información interna e do diálogo cos grupos de interese. Tamén se traballará na sistematización do proceso analítico mediante a avaliación de IROs e a visualización dos resultados a través de matrices.

Participación e inscrición

O ciclo de obradoiros é de carácter gratuíto e require inscrición previa no Programa PROALIS-CARBON. Para participar, cómpre cubrir un formulario que permitirá realizar un autodiagnóstico inicial das empresas interesadas. Esta información será clave para personalizar a experiencia formativa e garantir un enfoque adaptado á realidade do sector.

Event Schedule Details

  • 10 Setembro 2025

AC Palacio del Carmen
Santiago de Compostela

Compartir
Engadir ao Calendario
WhatsApp