Coa finalidade de achegar información ás empresas participantes no Programa Competemar 2024 sobre Estados Unidos, un dos mercados obxectivo do mesmo, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza este Ciclo de Webinars para a segunda quincena do mes de xullo, composto por tres sesións de 30 minutos de duración, en horario de 13.30 a 14.00 horas.
O Ciclo está pensado para ofrecer unha visión completa e actualizada sobre o mercado estadounidense de produtos do mar, abordando tendencias, regulacións, oportunidades de negocio e estratexias de marketing. Dirixido a profesionais do sector, estes webinars proporcionarán información valiosa para optimizar a presenza e competitividade neste mercado clave.
O primeiro dos webinars, baixo o título “Panorama do mercado estadounidense de produtos do mar”, terá lugar o martes 16 de xullo e ofrecerá unha introdución exhaustiva ao mercado de produtos do mar en EEUU. Abordaranse as principais tendencias de consumo, segmentos de mercado, e os produtos máis demandados. Ademais, presentaranse estatísticas e análises recentes para entender o comportamento do mercado.
A segunda cita, “Estratexias de marketing e venda para produtos do mar en EEUU”, terá lugar o martes 23 de xullo e servirá para explorar canles de distribución, técnicas de promoción, tendencias de consumo e casos de éxito. Alén, as persoas participantes aprenderán a desenvolver campañas efectivas e a adaptarse ás preferencias dos consumidores locais.
O Ciclo finalizará o 30 de xullo co webinar “Regulacións e normativas para a exportación de produtos do mar a EEUU”, que cubrirá temas como as certificacións requiridas, os estándares de calidade, as inspeccións e as políticas aduaneiras. Tamén se ofrecerán consellos prácticos para cumprir con estes requisitos e evitar problemas legais.
Para asistir a calquera das sesións que compoñen este Ciclo é preciso inscribirse a través do formulario que aparece a continuación. Aínda que está dirixido a empresas participantes no Programa Competemar 2024, trátase dunha actividade aberta ao público baixo inscrición previa.
Para máis información, pódese consultar o programa completo ou contactar con Clusaga no correo international@clusaga.org ou no teléfono 881 023 853.