Coa finalidade de achegar información ás empresas participantes no Programa Competemar 2024 sobre Francia, un dos mercados obxectivo do mesmo, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza este Ciclo de Webinars para o mes de setembro, composto por tres sesións de 45 minutos de duración, en horario de 13.00 a 13.45 horas.
O Ciclo está pensado para ofrecer unha visión completa e actualizada sobre o mercado estadounidense de produtos do mar, abordando tendencias, regulacións, oportunidades de negocio e estratexias de marketing. Dirixido a profesionais do sector, estes webinars proporcionarán información valiosa para optimizar a presenza e competitividade neste mercado clave.
O primeiro dos webinars, baixo o título “Panorama do mercado francés de produtos do mar”, terá lugar o martes 10 de setembro e ofrecerá unha introdución exhaustiva ao mercado de produtos do mar en Francia. Abordaranse as principais tendencias de consumo, segmentos de mercado, e os produtos máis demandados. Ademais, presentaranse estatísticas e análises recentes para entender o comportamento do mercado, e a preparación da Misión Comercial a París.
A segunda cita, “Estratexias de marketing e venda para produtos do mar en Francia”, terá lugar o martes 17 de setembro e servirá para explorar canles de distribución, técnicas de promoción, tendencias de consumo e casos de éxito. Alén, as persoas participantes aprenderán a desenvolver campañas efectivas e a adaptarse ás preferencias dos consumidores locais; e a ter en conta particularidades do mercado francés, como a rastrexabilidade ou o etiquetado.
O Ciclo finalizará o 24 de setembro co webinar “Xestión de Reunións de Negocio en Francia”, que cubrirá temas como a cultura e a formalidade francesa para preparar este tipo de encontros. Alén, aconsellarase sobre como relacionarse cos socios comerciais franceses, ou como xestionar as expectativas de cara a misións comerciais e feiras en Francia.
Para asistir a calquera das sesións que compoñen este Ciclo é preciso inscribirse a través do formulario que aparece a continuación. Aínda que está dirixido a empresas participantes no Programa Competemar 2024, trátase dunha actividade aberta ao público baixo inscrición previa.
Para máis información, pódese consultar o programa completo ou contactar con Clusaga no correo international@clusaga.org ou no teléfono 881 023 853.