Ciclo de Webinars do Programa Competemar | Oportunidades e estratexias no mercado estadounidense de produtos do mar

Coa finalidade de achegar información ás empresas participantes no Programa Competemar 2025 sobre Estados Unidos, un dos mercados obxectivo do mesmo, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza este Ciclo de Webinars, composto por tres sesións de 30 minutos de duración.

Ao longo de tres sesións en liña, analizaranse aspectos clave como as tendencias de consumo, a situación arancelaria, as oportunidades comerciais e a participación en feiras especializadas, ofrecendo contidos orientados á toma de decisións e á acción empresarial.

Calendario de sesións

Este ciclo de tres webinars está concibido para ofrecer ás empresas galegas unha visión práctica e actualizada sobre o mercado estadounidense de produtos do mar. Ao longo das sesións, abordarase a entrada neste mercado desde diferentes perspectivas: dende os primeiros pasos para a implantación e participación en feiras profesionais, ata a análise das principais tendencias de consumo, segmentos prioritarios e produtos con maior demanda. Tamén se tratarán aspectos clave como as regulacións arancelarias e os requisitos de importación, fundamentais para garantir o acceso e a competitividade das empresas neste destino estratéxico.

A primeira sesión terá lugar o 8 de xullo ás 13:00 h e contará coa participación de representantes de Clusaga, que introducirán o mercado e ofrecerán orientacións para aproveitar accións promocionais como a feira Americas Food and Beverage Show. O segundo webinar celebrarase o 15 de xullo e contará coas achegas de expertos de ANFACO e ICEX, que analizarán o panorama actual do mercado estadounidense e os seus principais nichos de oportunidade. Finalmente, na sesión do 22 de xullo, serán os profesionais da Cámara de Comercio de España en Miami quen acheguen claves para comprender o contexto normativo e arancelario, ofrecendo recomendacións prácticas para reducir o impacto económico da exportación.

Inscrición

Para asistir a calquera das sesións que compoñen este Ciclo é preciso inscribirse a través do formulario que aparece a continuación. Aínda que está dirixido a empresas participantes no Programa Competemar 2025, trátase dunha actividade aberta ao público baixo inscrición previa.

Para máis información, pódese consultar o programa completo ou contactar con Clusaga no correo international@clusaga.org ou no teléfono 881 023 853.

Event Schedule Details

  • 8 Xullo 2025
    al 22 Xullo 2025
Compartir
Engadir ao Calendario