O proxecto europeo F2F Health Matters, impulsado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), mantén aberta ata o 30 de novembro a segunda convocatoria de apoio á internacionalización de pemes alimentarias a mercados internacionais. Nesta ocasión, e tras ter lanzado unha primeira convocatoria enfocada ao mercado canadiense, o consorcio do proxecto seleccionou Xapón coma país destino.
As pemes interesadas na internacionalización a Xapón poden optar a tres tipos de apoio diferentes a través desta convocatoria. A modalidade “Comercial Lead Support” cobre os servizos de consultaría de prospeción comercial en Xapón. A modalidade “Travel Aid” apoia a súa participación nunha misión colectiva de internacionalización en xuño de 2023, coincidindo coa JAPAN’S FOOD EXPORT FAIR, e supón un reembolso de ata 2.000€ dos seus gastos de viaxe. A terceira modalidade consiste en formar parte do “Elite Programme” un programa de formación e coaching a medida e orientado ao mercado.
Esta convocatoria supón unha oportunidade única para que as pemes europeas que forman parte da cadea de valor dos alimentos expandan o seu negocio ao mercado xaponés.
Para aclarar todos os aspectos relativos a esta convocatoria e ás axudas que o proxecto F2F Health Matters ofrece, Clusaga organiza o webinar “Oportunidades e programas de apoio á internacionalización: Conectando con Xapón” o próximo 16 de novembro ás 10.00 horas. Para participar no webinar é necesario inscribirse a través do seguinte formulario.
A continuación, e de xeito complementario a esta primeira sesión, os usuarios interesados poden asistir, de 11.00 a 12.00 horas do 16 de novembro, ao webinar “Connecting with Japan”, organizado polo consorcio do proxecto. O encontro incluirá unha presentación a cargo do EU-Japan Centre, sobre as oportunidades do mercado xaponés para pemes europeas, e unha intervención do experto Martín Glisby, da consultora Glisby & Associates especializada en estratexias de entrada ao mercado xaponés. Esta segunda sesión require inscrición previa a través do seguinte formulario.
Como peche deste evento, a terceira fase complementaria do mesmo incluirá reunións B2B con empresas xaponesas e outras pemes europeas a través da plataforma B2Match do proxecto F2F Health Matters, que poderán axendarse segundo preferencias o 17 de novembro, en horario de 9.00 a 11.00 horas. Para poder acceder ás reunións é preciso rexistrarse á plataforma B2Match en este enlace.
Para dúbidas o consultas sobre a xornada ou sobre o proxecto, podes contactar con Clusaga a través do teléfono 981 55 60 62 ou a través do correo info@clusaga.org.