O proxecto Export Plus do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) abre as súas portas a pemes artesanais agroalimentarias a través dunha convocatoria cuxo obxectivo será prestarlles apoio no seu proceso de internacionalización. Esta iniciativa, á que se poderán presentar solicitudes ata o 15 de xullo, supón unha oportunidade única para que as pemes que forman parte da cadea de valor dos alimentos e das bebidas expandan o seu negocio cara mercados internacionais.
Export Plus pretende facilitar a internacionalización das pemes a través da posta en marcha dunha Rede de Cooperación Transnacional que funcionará en torno a un Catálogo de alimentos e bebidas das empresas participantes.
Neste contexto, as empresas seleccionadas gozarán do apoio dun programa de internacionalización personalizado. Este programa porá en marcha unha rede loxística e comercial, onde axentes comerciais promocionarán o Catálogo de produtos das empresas participantes en 15 mercados europeos, impulsando así a exportación.
Xunto con isto, as empresas beneficiarias desta convocatoria recibirán de Export Plus capacitación en metodoloxías innovadoras para a internacionalización de produtos artesanais. Deste xeito, as pemes lograrán optimizar a súa competitividade e rendibilidade, así como potenciar a sustentabilidade medioambiental das contornas nas que operan.
Export Plus é un proxecto innovador que traballa en aras de mellorar a competitividade empresarial e territorial da Eurorrexión a través dun novo sistema de apoio para a internacionalización das pemes artesanais agroalimentarias.
Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento (FEDER) dentro do marco Interreg V A España-Portugal (POCTEP) e coordinado por Landaluz, conta no seu consorcio con Clusaga, Andanatura, NERE, AEEB e AIP-Diece, ademais de ter establecido un marco de colaboración coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, co obxectivo de impulsar a participación de empresas galegas nas distintas actividades.
Para optar a esta convocatoria é preciso cumprimentar debidamente o formulario que aparece a continuación antes do 15 de xullo (incluído). Para máis información, pódese consultar o texto completo da convocatoria ou contactar con Clusaga no correo international@clusaga.org ou no teléfono 881 023 853.