A primeira convocatoria de axudas do Programa para a Mellora Competitiva das Empresas do Mar 2024 (Competemar), implementado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e financiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar, vén de abrir o seu prazo de inscrición.
Coa presentación do formulario de inscrición cubriranse ata un máximo de 25 prazas para participar no curso formativo en comercio internacional e acceder a informes e formación sobre intelixencia de mercados dos dous países obxectivo de Competemar en calidad de Empresa Excelente.
En función dos datos aportados na iinscrición e do aproveitamento do curso formativo, seleccionaranse 10 Empresas Élite que accederán a un servizo de coaching e a cheques de viaxe de ata 2.000€ para participar nas misións comerciais a Francia e Estados Unidos.
Esta convocatoria supón unha oportunidade única para que as empresas galegas do mar que forman parte da cadea de valor dos alimentos expandan o seu negocio cara os mercados internacionais.
As empresas interesadas na internacionalización poden optar a dous tipos de apoio a través desta convocatoria. A modalidade “Empresa Excelente” cubre a participación no curso formativo en comercio internacional e o acceso ao servizo de apoio e intelixencia de mercados centrado en Francia e Estados Unidos.
De entre as Empresas Excelentes, seleccionaranse 10 “Empresas Élite” que accederán ao servizo de coaching e a cheques de viaxe de ata 2.000€ para participar nas misións comerciais. Para acceder a esta modalidade de participación, terán que cumprirse os seguintes requisitos: demostrar potencial de internacionalización, ter encaixe no mercado de destino e ter demostrado aproveitamento do curso formativo en comercio internacional.
No formulario de inscrición desta convocatoria recolleranse os datos necesarios para que a organización de Competemar 2024 avalíe o cumprimento dos requisitos para acceder á modalidade Empresa Élite. As Empresas Excelentes que non obteñan cheques de viaxe poderán manifestar o seu interese en participar de todos modos nas misións.
O programa de misións comerciais ofrece non só a oportunidade de experimentar as dinámicas dos mercados obxectivo de primeira man, senón de contar con axendas B2B, reunións ou visitas a contactos de interese para facilitar o establecemento de relacións comerciais duradeiras para as empresas participantes.
As empresas poden presentar as súas solicitudes a través do formulario online ata o 2 de maio de 2024, data na que finalizará o proceso de selección. Este irá seguido do inicio do curso formativo en comercio internacional. Toda a información sobre esta convocatoria, a presentación de solicitudes e o proceso de selección pode consultarse no folleto de Competemar e no formulario de inscrición.