O proxecto F2F Health Matters, impulsado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), acaba de lanzar a terceira convocatoria de apoio á internacionalización de pemes alimentarias europeas, tendo coma país destino Emiratos Árabes Unidos (EAU).
Trátase da derradeira oportunidade para optar ás axudas de acceso a novos mercados no marco deste proxecto, tras dous chamamentos enfocados aos mercados canadense e xaponés, respectivamente. Por iso, esta convocatoria supón unha oportunidade única para que as pemes europeas socias de Clusaga expandan os seus negocios ao mercado árabe.
As pemes interesadas na internacionalización a EAU poden optar a tres tipos de apoio diferentes a través desta convocatoria. A modalidade “Comercial Lead Support” cobre os servizos de consultaría de prospección comercial no mercado árabe, proporcionando ás empresas apoio personalizado de provedores de servizos externos cun excelente coñecemento na materia.
A segunda modalidade de axuda que as pemes poden solicitar, “Travel Aid”, apoia a súa participación nunha misión colectiva de internacionalización a EAU cun reembolso de ata 2.000€ dos seus gastos de viaxe. Esta misión terá lugar, previsiblemente, entre xaneiro e febreiro de 2024. Embarcarse na misión comercial outorgaría ás empresas a posibilidade de coñecer a socios comerciais potenciais, dando lugar a novos acordos e colaboracións.
De forma complementaria a estas dúas axudas financeiras, as pemes poden optar a formar parte do “Elite Programme” de F2F Health Matters, que proporciona formación e coaching a medida e orientado ao mercado, abordando cuestións técnicas e de innovación para a internacionalización a través dunha comunidade online.
As pemes poden presentar as súas solicitudes a través do formulario online da web do proxecto ata o 5 de xullo de 2023. O proceso de selección finalizará na primeira quincena de xullo, e irá seguido de sesións de formación especializada e servizos de consultaría para as empresas beneficiarias. Toda a información sobre esta convocatoria, a presentación de solicitudes e o proceso de selección pode consultarse na sección “Get Involved” da web do proxecto. Para resolver d´bidas ao respecto desta convocatoria, pódese contactar con Clusaga no correo international@clusaga.org.
A segunda convocatoria de F2F Health Matters, cuxo país destino é Xapón, seleccionou ás pemes beneficiarias dos tres tipos de apoio no mes de marzo. A finais de xuño terá lugar a misión de internacionalización a este mercado, na cal participan as empresas socias de Clusaga Bodega Líquido Gallaecia, Dairy Pet e Real Conservera Española.