Clusaga abre a convocatoria para a participación das empresas socias nunha acción de promoción comercial dirixida a facilitar a entrada de produtos galegos en GALERIA-KAUFHOF, unha das principais cadeas de grandes almacéns de Alemaña, cunha rede de 76 establecementos e un forte posicionamento no segmento gourmet.
No marco dunha ampla reestruturación das súas tendas, GALERIA está a desenvolver un novo concepto de tenda con especial foco na calidade, a experiencia de compra e a oferta gastronómica de valor engadido. Un claro exemplo desta estratexia é o seu espazo GALERIA Markthalle en Düsseldorf, que combina deseño contemporáneo, produtos premium e especialidades internacionais, creando un entorno exclusivo orientado a consumidores esixentes e exploradores gastronómicos.
En liña con esta aposta pola excelencia, o equipo de compras de GALERIA amosou interese en realizar unha proba de produto con compra en firme nunha selección de tendas, centrada en produtos de orixe galega.
A empresas galegas do sector alimentario que comercialicen alimentación seca (non refrixerados nin conxelados), con potencial para integrarse no surtido da cadea, que inclúe produtos que destaquen pola súa calidade, presentación e potencial no canal gourmet. Valorarase especialmente as propostas nas categorías de produtos delicatessen, viños e bebidas, conservas vexetais e do mar, aceites, meles, repostería e produtos de panadaría tradicional, snacks artesáns, infusións, produtos con indicación xeográfica protexida (IXP) ou outras especialidades galegas non perecedoiras que encaixen na oferta premium de GALERIA.
Pódese consultar unha mostra do surtido gourmet da cadea na súa web.
Nesta primeira etapa, as empresas galegas interesadas en participar na acción comercial con GALERIA poderán rexistrarse. Este é o primeiro paso para acceder a unha oportunidade de internacionalización, onde se recompilarán os datos da empresa e dos produtos que desexan ofrecer. A partir desta fase, avaliarase a viabilidade e aliñamento de cada proposta cos criterios do mercado alemán.
Durante esta fase, os axentes comerciais en Alemaña avaliarán cada un dos produtos rexistrados, baseándose na súa calidade, adecuación ao mercado e potencial de venda. As empresas que superen esta fase serán preseleccionadas e recibirán un custo asociado que cobre os gastos de coordinación, xestión comercial e seguimento das negociacións.
Nesta fase final, GALERIA realizará unha selección rigorosa entre as empresas preseleccionadas. Só aquelas que mellor se aliñen cos estándares e necesidades do mercado alemán serán seleccionadas para participar no test de mercado nas tendas GALERIA.
Confirmación de participación: Entre 10 e 12 empresas galegas serán confirmadas para realizar o test de mercado, cunha compra en firme dun volume inicial de produto para testar en tenda.
Coordinación loxística: O proceso loxístico será xestionado por un axente consolidador, que se encargará de agrupar os pedidos, a loxística e a facturación á cadea, así como do etiquetado e outros requisitos operativos necesarios para que os produtos cheguen ás estanterías de GALERIA.
Completar o formulario de inscrición cos datos da empresa e achegar de unha a tres fichas de produto (en inglés ou alemán), que inclúan: imaxe do produto, descrición e características, e o prezo de venda ao público (PVP) orientativo en España. Con data límite o 25 de abril.
As empresas interesadas poderán inscribirse sen custo ningún nesta primeira fase.
Unha vez realizada a inscrición, as empresas serán preseleccionadas polos axentes comerciais en Alemaña. Nesta fase, as empresas que continúen no proceso deberán aboar unha cota de 375 € para cubrir os custos de coordinación, interlocución comercial e seguimento.
As empresas seleccionadas por GALERIA para participar no test de mercado deberán aboar unha cota adicional de 400 €. Esta cota cubrirá os custos adicionais asociados á xestión comercial e operativa, e só será requirida para aquelas empresas aprobadas por GALERIA.
Os custos loxísticos integraranse no prezo de venda dos produtos e serán xestionados polo consolidador.
Para máis información sobre esta acción, podes contactar coa área de internacionalización de Clusaga no correo international@clusaga.org ou no teléfono 881 023 853.