O proxecto europeo B-Resilient, de cuxo consorcio forma parte o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), ten o obxectivo de mellorar a competitividade das pemes produtoras e transformadoras de alimentos desde unha perspectiva sostible e respectuosa co medio ambiente, baseada no concepto da circularidade e de cero residuos. Deste modo, o proxecto se centra en maximizar o uso das materias primas dispoñibles e a súa posterior valorización das correntes secundarias en ingredientes innovadores de base biolóxica.
Nesta liña, B-Resilient estableceu un ambicioso paquete de accións de apoio para impulsar que as pemes sexan máis resilientes mediante un uso óptimo da biomasa e con solucións dixitais axeitadas, entre as que se atopan os cheques de mobilidade.
Os cheques de mobilidade da primeira convocatoria de B-Resilient están enfocados a fomentar a participación das pemes produtoras ou transformadoras de alimentos no primeiro evento de matchmaking organizado polo consorcio do proxecto, o European food biomass & bioeconomy summit.
Este encontro terá lugar os días 22 e 23 de maio de 2023 en Tesalónica (Grecia), e permitirá ás pemes participantes acceder a inversores, provedores de tecnoloxía e establecer asociacións, sentando así as bases para futuras colaboracións. As entidades que teñan interese en participar no evento poden acceder á primeira convocatoria de cheques de mobilidade, unha axuda para cubrir os gastos de viaxe de 600€ e que se asigna por orde de solicitude.
Para solicitar os cheques de apoio da primeira convocatoria de B-Resilient é preciso cubrir antes do 24 de abril o seguinte formulario. Do mesmo modo, é necesario remitir este contrato firmado a b-resilient.vouchers@i4ce.eu. Para máis información, pódese consultar o paso a paso. Para máis información ou resolución de dúbidas, pódese contactar con Clusaga no correo bff@clusaga.org.