Desde o proxecto GRAPPA lánzase hoxe, 23 de marzo, a GRAPPA Open Call, convocatoria dirixida a pemes do sector agroalimentario e provedores de tecnoloxía, co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de solucións innovadoras para a valorización de biomasa e subprodutos. A convocatoria permanecerá aberta durante dous meses, ata o 26 de maio.
Poden participar pemes do sector de produción e/ou transformación agroalimentaria, pemes doutros sectores que traballen na valorización de biomasa, subprodutos ou correntes secundarias do sector agroalimentario, incluídas aquelas que aproveiten os seus propios subprodutos para aplicacións neste ámbito ou que desenvolvan e apliquen solucións tecnolóxicas e procesos innovadores orientados á súa valorización.
Os proxectos poderán presentarse de forma individual ou en consorcio (ata un máximo de tres pemes), cunha duración de 12 meses e un nivel de madurez tecnolóxica mínimo de TRL 6, o que garante que as solucións estean próximas á súa validación en contornas reais.
En canto ao financiamento, a convocatoria ofrece unha subvención de ata 60.000 € para proxectos individuais e de ata 90.000 € para proxectos colaborativos, cubrindo ata o 85% do custo total do proxecto. As empresas participantes deberán achegar polo menos un 15% de cofinanciamento privado.
Ademais, os proxectos poderán contar co apoio de entidades subcontratadas, como universidades, centros tecnolóxicos ou grandes empresas, para reforzar o desenvolvemento técnico e a viabilidade das solucións propostas.
A convocatoria está prevista para desenvolverse a nivel europeo, e será requisito que as empresas participantes formen parte dun clúster, polo que aquelas entidades interesadas que aínda non sexan socias deberán contactar previamente con Clusaga.
Esta convocatoria representa unha oportunidade estratéxica para que as pemes desenvolvan, validen e escalen solucións innovadoras, mellorando a súa competitividade e posicionamento no ámbito da sustentabilidade e a economía circular.
Como participar?
Para postularse é necesario cubrir o formulario dispoñible aquí.
Que é GRAPPA?
GRAPPA é un proxecto europeo orientado a reforzar a competitividade, resiliencia e sustentabilidade do sector agroalimentario, con especial foco nas pemes, mediante a valorización da biomasa e os subprodutos agroalimentarios e a adopción de solucións verdes e dixitais.
Entre os seus obxectivos principais destacan o apoio financeiro directo a pemes para o desenvolvemento e proba de solucións innovadoras, o reforzo de competencias en innovación sistémica, sustentabilidade e internacionalización, e a posta en valor do coñecemento xerado en proxectos europeos previos. GRAPPA impulsa así o desenvolvemento de ingredientes alimentarios reciclados, solucións para cosmética verde, biosolucións e alimentación animal, contribuíndo a un sector agroalimentario europeo máis avanzado, circular, resiliente e orientado ao futuro.









