O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) convoca por noveno ano consecutivo os Premios Galicia Alimentación, que teñen como obxectivo recoñecer e visibilizar as accións do sector alimentario con impacto na calidade, a excelencia, o emprendemento, a dixitalización, a innovación, a sustentabilidade, o marketing e a internacionalización.
A presentación de candidaturas aos Premios Galicia Alimentación 2023 debe realizarse a través da web de Clusaga e o prazo para facelo permanecerá aberta durante 45 días naturais, dende o 27 de marzo ata o 10 de maio de 2023
As catro categorías ás que se pode optar na IX Edición dos Premios Galicia Alimentación son: Produto Innovador, Produto Excelente, Proxecto Sectorial e Estratexia de Mercado.
Poderán participar nos Premios Galicia Alimentación 2023 persoas físicas, autónomos, micro, medianas e grandes empresas que teñan sede social, centros produtivos ou exerzan a súa actividade comercial ou transformadora en Galicia, así como institucións galegas ou situadas fóra do territorio que teñan desenvolvido actividades en favor dos produtos alimentarios galegos, tendo estes orixe ou transformación en Galicia ou na flota pesqueira dunha empresa galega.
Para presentar a candidatura debe cumprimentarse o formulario correspondente dos que aparecen a continuación. Cabe destacar que as categorías Produto Innovador e Produto Excelente comparten o mesmo formulario, tendo que indicar dentro do mesmo se a candidatura se presenta a unha ou outra categoría, ou a ambas.
Unha mesma entidade pode presentar candidaturas a máis dunha categoría, así como presentar máis dunha candidatura na mesma categoría. Por outra banda, as entidades que resultaran premiadas en edicións anteriores poden volver a presentar candidatura na mesma categoría da que resultaron gañadoras, ou en calquera outra.
A todas as entidades que presenten candidatura á Categoría de Produto Excelente requiriráselles o envío de mostras, previa notificación, para que o xurado dos Premios Galicia Alimentación poida levar a cabo a avaliación de dito produto.
O prazo de presentación de candidaturas finaliza o 10 de maio de 2023. O resultado de cada candidatura será comunicado á entidade responsable da súa presentación a fins do mes de maio.
As entidades gañadoras daranse a coñecer publicamente o 14 de xuño de 2023 no evento anual Foro e Premios Galicia Alimentación organizado por Clusaga, un acto que conta co apoio institucional da Xunta de Galicia e o Patrocinio Ouro de Caixa Rural Galega, Gadis e Vegalsa Eroski.
Para obter máis información pódese contactar con Clusaga a través do correo electrónico comunicacion@clusaga.org ou do teléfono 981 556 062.