O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza unha participación agrupada na feira internacional WTCE EXPO 2026, que se celebrará do 14 ao 16 de abril no Hamburg Messe (Alemaña). Esta feira é o principal encontro mundial especializado en catering para viaxes e servizos a bordo no que se dan cita os responsables de compras de aeroliñas, operadores ferroviarios e cruceiros. Nesta feira reúnense máis de 300 expositores e asisten arredor de 4.500 visitantes de máis de 70 países, contando tamén ca presenza de 160 aeroliñas.
A participación agrupada coas empresas galegas permite maximizar a visibilidade do sector a nivel global, ofrecer unha imaxe conxunta e coordinada das empresas galegas e facilitar o contacto directo con compradores dos principais operadores de transporte. Ademais, as empresas teñen a oportunidade de presentar os seus produtos, acceder a novas tendencias do mercado e reforzar a súa visibilidade e posicionamento nun evento de referencia dentro do sector da alimentación nos servizos a bordo.
Trátase dunha oportunidade estratéxica para a internacionalización, permitindo ás empresas galegas explorar e introducirse no mercado dos servizos de catering a bordo, un mercado altamente competitivo e globalizado.
Para máis información sobre a feira e as modalidades de participación, consulte a convocatoria anexa.









