Convocatoria | Premios Galicia Alimentación 2024

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) convoca por décimo ano consecutivo os Premios Galicia Alimentación, que teñen como obxectivo recoñecer e visibilizar as accións do sector alimentario con impacto na calidade, a excelencia, o emprendemento, a dixitalización, a innovación, a sustentabilidade, o marketing e a internacionalización.

A presentación de candidaturas aos Premios Galicia Alimentación 2024 debe realizarse a través da web de Clusaga e o prazo para facelo permanecerá aberto durante 53 días naturais, dende o 4 de marzo ata o 25 de abril de 2024. Como novidade nesta X Edición, haberá cinco Premios Galicia Alimentación distribuídos en dúas categorías: “Alimentos e Bebidas” e “Iniciativas do Sector Alimentario”.

A primeira categoría estará dedicada aos produtos alimentarios e contará con dous galardóns:

  • Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador. Enfocado a recoñecer aqueles produtos que, como o seu nome indica, caracterízanse pola súa innovación, potencial comercial ou deseño e pola a súa adaptación ás demandas do consumidor ou que aportan valor ás materias primas galegas, con especial atención á relación entre nutrición e saúde.
  • Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente. Recoñece aqueles produtos que incorporen valores tradicionais do sector alimentario galego adaptándoos ao momento actual polo seu deseño e usando materias primas locais. Neste caso cobran especial importancia as características organolépticas dos alimentos e bebidas que se presenten e, de feito, poñerase especial atención aos produtos “gourmet” e ecolóxicos.

A segunda categoría premia aqueles proxectos, accións ou prácticas empresariais en tres ámbitos:

  • Premio Galicia Alimentación á Estratexia de Márketing ou Internacionalización. Galardoa o esforzo de empresas e organizacións do sector alimentario por acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. Neste sentido, valorarase o seu plan de márketing no posicionamento en novos nichos de mercado e a orientación ao consumidor, así como a implantación de campañas. Ademais, tamén se terá en conta a evolución continua e o dinamismo das exportacións na súa estratexia de internacionalización. Nesta categoría ademais valorarase o traballo desenvolvido por institucións situadas fóra e dentro de España en favor da promoción dos produtos alimentarios e bebidas galegas, actuando, así, como “embaixadores”.
  • Premio Galicia Alimentación á Innovación. Dirixido a proxectos, institucións ou organizacións e empresas que destaquen pola súa innovación no seu modelo de negocio, que desenvolvan produtos ou servizos innovadores do ámbito da alimentación ou que destaquen polo seu carácter emprendedor e cooperativo.
  • Premio Galicia Alimentación á Sostibilidade. O Clúster Alimentario de Galicia quería introducir o respecto ao medio ambiente e á contorna como unha temática a destacar nos seus galardóns. Por iso, coma novidade, este ano incorpora este premio para recoñecer aquelas prácticas, institucións ou empresas caracterizadas pola súa sostibilidade, tanto na organización e produción coma nos seus produtos e servizos. Trátase de acercarse aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e á economía circular.

Requisitos, prazos e forma de presentación de solicitudes

Poderán participar nos Premios Galicia Alimentación 2024 persoas físicas, autónomos, micro, medianas e grandes empresas que teñan sede social, centros produtivos ou exerzan a súa actividade comercial ou transformadora en Galicia, así como institucións galegas ou situadas fóra do territorio que teñan desenvolvido actividades en favor dos produtos alimentarios galegos, tendo estes orixe ou transformación en Galicia ou na flota pesqueira dunha empresa galega.

Para presentar a candidatura debe cumprimentarse o formulario correspondente dos que aparecen a continuación. Cabe salientar que cada Categoría ten o seu propio formulario, debendo seleccionar dentro destes a que premio ou premios se quere optar coa candidatura presentada.

Unha mesma entidade pode presentar candidatura a máis dun premio, así como presentar máis dunha candidatura para o mesmo premio. Por outra banda, as entidades que resultaran premiadas en edicións anteriores poden volver a presentar candidatura na mesma categoría da que resultaron gañadoras, ou en calquera outra.

Acto de entrega e máis información

Como é tradicional, o fallo dos galardóns darase a coñecer nunha gala enmarcada no Foro e Galicia Alimentación. Dito evento está previsto para a mañá do 13 de xuño, na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela), e contará co apio da Xunta de Galicia, o Patrocinio Ouro de Caixa Rural Galega, GADISA e Vegalsa-Eroski, e o Patrocinio Bronce de Salimat Abanca.

Para obter máis información pódese contactar con Clusaga a través do correo electrónico comunicacion@clusaga.org ou do teléfono 981 556 062.

Event Schedule Details

  • 25 Abril 2024
Compartir
Engadir ao Calendario