O proxecto Export Plus do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) continúa apoiando ás empresas no seu proceso de internacionalización a través dunha convocatoria cuxo obxectivo será organizar unha Promoción en Punto de Venda (PPV) de produtos españois e portugueses en tres establecementos da cadea Système U en Francia.
As solicitudes poderán presentarse ata o 11 de abril de 2025 ás 24:00 horas, ofrecendo unha oportunidade única para que as pemes da cadea de valor dos alimentos e das bebidas expandan o seu negocio a mercados internacionais. A PPV nos tres puntos de venda franceses terá lugar do 11 ao 22 de xuño de 2025.
A PPV organizada por Export Plus en Système U levarase a cabo nos seguintes establecementos franceses:
Hyper U Baule
Super U Saint Pierre Sur Loire
Super U La Ferté Saint Aubin
O modelo de promoción negociado coa cadea será de venda en firme.
Système U conta con máis de 1.500 establecementos en Francia. O grupo funciona a través dun sistema de cooperativas independentes, que xestionan con gran autonomía un número determinado de supermercados agrupados xeograficamente.
Despois de E. Leclerc e Les Mousquetaires, Système U é o terceiro grupo da gran distribución francesa con evolución positiva en cota de mercado nos últimos anos.
As empresas participantes na PPV non deberán aboar ningunha cota de participación. No entanto, as empresas seleccionadas deberán asumir obrigatoriamente unha cota loxística do importe total dos pedidos en firme recibidos.
Esta cota cobre os custos de transporte e loxística, incluíndo:
Envío ao destino desde o punto de consolidación en Sevilla ata os almacéns de recepción.
Manexo da mercadoría en destino.
Distribución capilar dos pedidos.
O porcentaxe definitivo para o cálculo da cota loxística será comunicado ás empresas seleccionadas, que deberán asinar un documento de compromiso de pago unha vez superen a fase de selección.
As solicitudes poderán presentarse ata o 11 de abril ás 24:00 horas a través do formulario que se indica a continuación.
Para máis información, pódese consultar o texto completo da convocatoria e asistir ao webinar de resolución de dúbidas o 3 de abril ás 11:00 hora española.