Convocatoria de proxectos de colaboración interrexional (VInnovate Call 2026)

Obxecto da axuda

A VInnovate Call 2026 apoia, mediante subvencións, a execución de proxectos de colaboración interrexional para desenvolver e despregar solucións lideradas por pemes que contribúan a unha de tres transicións industriais: unha industria máis intelixente (integración de tecnoloxías avanzadas e dixitais en procesos e cadeas de valor), máis sostible (avance cara á neutralidade climática e a eficiencia enerxética) ou máis autónoma (redución da dependencia europea en innovacións deep-tech e servizos de interese estratéxico). Cada proxecto debe estar vinculado tematicamente a polo menos un dos seis pilotos da Vanguard Initiative (Bioeconomía, Fabricación Eficiente e Sostible, Impresión 3D de alto rendemento, Fabricación Avanzada para Enerxía en Contornas Hostís, Smart Health e Hidróxeno) e desenvolverse mediante consorcios interrexionais con presenza de pemes. 

Organismo convocante 

Vanguard Initiative – VInnovate Manager (coordinación central da convocatoria). O financiamento concédeno as axencias rexionais/nacionais de cada socio. Rexións/estados membros elixibles: East NL (Gelderland e Overijssel), Norte, Noord Brabant, North East Romania, Galicia, Baixa Saxonia, Baixa Austria, Gales e País Vasco (países: Austria, Alemaña, España, Países Baixos, Gales, Romanía e Portugal). 

Beneficiarios 

Consorcios interrexionais formados por, como mínimo, 2 organizacións situadas en polo menos 2 rexións membro distintas de VInnovate e en polo menos 2 países distintos, incluíndo polo menos unha peme (segundo a definición de peme da Comisión Europea). Ademais de pemes, o consorcio pode incluír grandes empresas, universidades, centros de investigación e infraestruturas de investigación e tecnoloxía. Todos os beneficiarios deben estar localizados nunha rexión/país membro da convocatoria. Os socios asociados (associated partners) poden formar parte do consorcio pero non reciben financiamento de VInnovate e deben asegurar fontes alternativas. A base mínima que garante o cumprimento dos criterios VInnovate (dimensión internacional, características do consorcio, coordinador internacional) debe manterse estable entre o Project Fit Form e a proposta completa. Cada beneficiario debe cumprir ademais os requisitos de elixibilidade do seu instrumento rexional/nacional. 

Actividades elixibles 

Actividades de post-prototipado en TRL 6, 7 e/ou 8, vinculadas tematicamente a polo menos un dos 6 pilotos da Vanguard Initiative e orientadas a polo menos unha das tres transicións (industria máis intelixente, máis sostible ou máis autónoma). As actividades en TRL 5 só poden ser elixibles se unha parte substancial do proxecto (máis do 50 % dos custos) corresponde a actividades en TRL 6 ou superior. 

Gastos elixibles 

Con carácter xeral poden ser elixibles: custos de persoal, subcontratación, custos de compra (viaxes, equipamento, consumibles) e custos indirectos. Os custos indirectos son elixibles con carácter xeral, suxeitos ás regras do instrumento rexional/nacional de cada socio. A elixibilidade concreta de cada gasto debe confirmarse na descrición do instrumento rexional correspondente. 

Tipo, cuantía e intensidade da axuda 

Subvención canalizada a través dos instrumentos rexionais/nacionais de cada socio. VInnovate non dispón de orzamento propio: cada socio recibe financiamento da súa axencia rexional/nacional con cargo ao instrumento correspondente. As liñas, contías e intensidades de axuda dependen do instrumento rexional/nacional ao que se acolla cada beneficiario e non se especifican na convocatoria central. Custo total mínimo do proxecto: 100.000 € (suma dos custos totais de todos os socios). O importe máximo de subvención por beneficiario, no seu caso, fíxao cada instrumento rexional/nacional.

No caso dos beneficiarios galegos, o instrumento rexional aplicable establece as seguintes intensidades máximas de axuda para proxectos de desenvolvemento experimental (Galicia é unha rexión asistida que cumpre as condicións do artigo 107.3.c do Tratado de Funcionamento da Unión Europea): 

Tipo de proxecto  Pequena empresa  Mediana empresa  Gran empresa  Org. de investigación (actividade non económica) 
Desenvolvemento experimental con colaboración entre empresas (unha delas peme)  50 %  40 %  30 %  100 % 
Desenvolvemento experimental con colaboración entre empresa(s) (polo menos unha peme) e un ou máis organismos de investigación  50 %  40 %  30 %  100 % 
Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresas (polo menos unha debe ser peme) e un ou máis organismos de investigación, asumindo estes polo menos o 10 % dos custos elixibles e con dereito a publicar os resultados da súa propia investigación  60 %  50 %  40 %  100 % 
Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresas (polo menos unha debe ser peme), sen que ningunha empresa soporte máis do 70 % dos custos elixibles  60 %  50 %  40 %  100 % 

Cando os organismos de investigación soliciten axuda para actividades de natureza económica aplicaranse estas mesmas intensidades máximas, ao consideralos empresas; o mesmo ocorre se desenvolven actividades económicas e non económicas sen posibilidade de distinguilas. O financiamento ao 100 % das actividades non económicas dos organismos de investigación non ten a consideración de axuda de Estado, conforme ás definicións do Anexo II da resolución. 

Presentación de solicitudes 

Project Fit Form (obrigatorio, unha por consorcio enviada polo coordinador interrexional): do 02/03/2026 ao 10/09/2026. Propostas rexionais completas: ata o 10/10/2026 (23:59 CET), tras avaliación positiva do Fit Form. Comunicación de resultados na segunda metade de decembro de 2026. Período de execución máximo de 30 meses (algunhas rexións establecen unha duración menor); os proxectos deben iniciar actividade como máximo 3 meses despois de confirmarse a decisión de financiamento. 

Documentos ou enlaces de interese 

 

Event Schedule Details

  • 10 Outubro 2026
Compartir
Engadir ao Calendario
WhatsApp