Demo Day | Transformando o sector alimentario en Galicia a través da Innovación

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza o vindeiro 25 de setembro de 2025, no Edificio FEUGA de Santiago de Compostela un Demo Day baixo o lema “Do reto ao impacto: transformando o sector alimentario en Galicia a través da innovación”. O obxectivo desta xornada é poñer en valor proxectos e tecnoloxías que están a marcar o rumbo da industria alimentaria galega, evidenciando como a innovación tecnolóxica e a colaboración entre empresas e provedores contribúen a mellorar a competitividade e responder aos retos dun mercado en constante transformación.

Proxectos empresariais que responden ás demandas do consumidor

Durante o evento daranse a coñecer iniciativas impulsadas por empresas socias de Clusaga que están a desenvolver solucións adaptadas ás novas demandas de consumo, a mellora da saúde e a sustentabilidade. Hermanos Paniagua, Torre de Núñez de Conturiz, Dairypet e Embutidos Montepicato achegarán ao evento os seus proxectos enmarcados no programa DeseñaPeme 2024 que evidencian o compromiso da industria alimentaria por innovar nos seus produtos para cumprir coas demandas cada vez máis esixentes do consumidor.

Pola súa parte, Artio Nutrición, Cognitus Biotech, Airas Moniz e a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña S.C.G. (Bico de Xeado) participarán noutro bloque centrado en solucións dirixidas á saúde do consumidor, poñendo de relevo o potencial da innovación para xerar alimentos, servizos e plataformas que contribúan ao benestar e á calidade de vida.

O potencial da intelixencia artificial no sector alimentario

Outro dos bloques estará centrado nas oportunidades que ofrece a intelixencia artificial para optimizar procesos produtivos, incrementar a eficiencia e abrir novas vías de crecemento no sector. As presentacións de Gradhoc Smart, Triple Alpha Innovation, Pescanova e Logicmelt Technologies permitirán coñecer solucións pioneiras que xa se están a aplicar en contornas industriais, reforzando o papel da IA como motor de transformación.

Pitches de provedores e espazo de networking

Co obxectivo de poñer en valor as capacidades do ecosistema que representa Clusaga, o programa inclúe un espazo de pitches breves nos que provedores tecnolóxicos presentarán servizos e solucións clave para apoiar á industria na súa transición cara a modelos máis competitivos, dixitais e sostibles. Ademais, a xornada contará cun café-networking que facilitará a interacción entre profesionais e favorecerá a creación de novas sinerxías e oportunidades de colaboración.

Para asistir é necesaria a inscrición previa a través do formulario dispoñible a continuación. Para máis información sobre os contidos da xornada pódese consultar o programa completo do evento, e para calquera dúbida está dispoñible o contacto no correo electrónico bdm@clusaga.org ou no teléfono 629 991 023.

Event Schedule Details

  • 25 Setembro 2025
Compartir
Engadir ao Calendario
WhatsApp