Nos últimos anos, a dixitalización é unha das ferramentas máis empregadas no eido da innovación. Nomeadamente, na industria alimentaria está a permitir monitorizar, modelizar e optimizar os procesos e produtos e, especialmente, a toma de decisións.
En liña co anterior, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza este DEMODAY o vindeiro 11 de abril, de 9.30 a 15.00 horas, no Edificio FEUGA (Santiago de Compostela), cun triplo obxectivo: presentar algúns dos proxectos que lidera Clusaga a nivel nacional e internacional no eido da dixitalización; dar a coñecer o potencial para a dixitalización das empresas tecnolóxicas asociadas; e ofrecer un espazo de networking con demos tecnolóxicas e a posibilidade de establecer reunións B2B.
Así, no primeiro bloque de presentacións do evento introduciranse proxectos de I+D+i sobre dixitalización da convocatoria de apoio a AEI do MINTUR no 2023 nos que participa Clusaga como líder ou membro do consorcio. A continuación, será a quenda de proxectos apoiados polo Clúster no eido internacional.
A xornada servirá tamén para dar coñecer, da man de Eladio Otero, subdirector de Desenvolvemento de Negocio do IGAPE, algunhas das axudas para apoiar a dixitalización empresarial. Por último, 20 empresas tecnolóxicas socias de Clusaga presentarán, mediante un pitch, o seu potencial de dixitalización ao servizo do sector alimentario, para finalmente dar paso á sesión de networking.
Para asistir a este DEMODAY é preciso inscribirse a través do formulario que aparece a continuación. Unha vez cumprimentado e enviado, recibirase un correo electrónico na dirección facilitada coa ligazón ao perfil de Clusaga na plataforma B2Match, na que se poderán axendar reunións B2B para esta xornada. Para máis información pódese consultar o programa completo ou contactar con Clusaga no correo bdm@clusaga.org ou no teléfono 629 991 023.