Evento | Do dato á decisión: Dixitalización e Innovación para un Sector Alimentario Intelixente

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) en colaboración co Centro Tecnolóxico ITG organizan o próximo 20 de novembro, ás 10:30 horas o evento “Do dato á decisión: Dixitalización e Innovación para un Sector Alimentario Intelixente”, que se celebrará na Cidade das TIC da Coruña no marco do proxecto europeo HIGHFIVE.

Un encontro para coñecer como a dixitalización e a intelixencia artificial están transformando o sector alimentario

Esta xornada reunirá a profesionais da industria alimentaria, tecnolóxica e da investigación para poñer o foco nas oportunidades que ofrece a innovación dixital para avanzar cara a un ecosistema alimentario máis conectado, eficiente e competitivo. A partir das aprendizaxes e resultados do proxecto europeo HIGHFIVE, analizaranse casos de éxito e aplicacións reais de tecnoloxías como a intelixencia artificial, o Internet das Cousas (IoT) e as ferramentas de análise de datos na industria.

Da teoría á práctica: tecnoloxía, aprendizaxes e visión estratéxica

O evento artéllase arredor de tres eixos complementarios que permitirán coñecer o estado actual da dixitalización no sector alimentario e identificar as tendencias que marcarán o seu futuro inmediato.

A xornada dará comezo cunha visita aos nos Laboratorios do Centro Tecnolóxico ITG, onde se habilitará un espazo de presentación de tecnoloxías dixitais aplicadas á industria alimentaria. Seguirá a benvida institucional no Centro de Servizos Avanzados (CSA), coa intervención de representantes das entidades organizadoras, e un relatorio técnico centrado en como transformar a visión tecnolóxica en solucións reais e implementables no tecido empresarial.

Posteriormente, celebrarase unha mesa redonda dedicada ás aprendizaxes do proxecto europeo HIGHFIVE e á visión de futuro da dixitalización industrial, coa participación de profesionais de empresas e centros tecnolóxicos de referencia.

A xornada concluirá cun relatorio estratéxico que abordará o papel da innovación e da intelixencia artificial como motores de competitividade e transformación para o sector alimentario galego e europeo.

Expertos e entidades de referencia compartirán experiencias e casos de éxito

No relatorio técnico intervirá Miguel Camacho, CEO de Atalaya Technologies e CTO de Marte, experto en intelixencia artificial aplicada. A mesa redonda contará con Manuel Vicente Cadenas (Siemens), Sonia Castro (Plexus Tech), Antonio Soto (Minsait), Daniel Estrada (Quescrem – Grupo CAPSA) e Gonzalo Blázquez (ITG), baixo a moderación de Xosé Ramón Vázquez (Clusaga), responsable de desenvolvemento de negocio de I+D+i en Clusaga. O relatorio de peche estará a cargo de Martín Longobuco, director do Programa de IA nos Negocios en La Salle URL, e as conclusións serán presentadas por Roberto Alonso, director de Clusaga.

Sobre o proxecto HIGHFIVE

HIGHFIVE é un proxecto europeo financiado pola Comisión Europea no marco do programa I3 (Interregional Innovation Investments) que busca impulsar a dixitalización da industria alimentaria en Europa a través da cooperación entre rexións, clústers e empresas. O seu obxectivo é acelerar a adopción de tecnoloxías avanzadas e fortalecer os ecosistemas de innovación do sector, especialmente entre as PEMES.

Event Schedule Details

  • 20 Novembro 2025
Compartir
Engadir ao Calendario
WhatsApp