O Clúster Alimentario de Galicia celebrará o próximo 22 de maio de 2025 ás 12:30 o evento online “Do Novo Real Decreto á acción: Carbono, Seguridade Alimentaria e Competitividade cunha xestión 360º” como peche do proxecto Obradoiro Ciclos de Carbono Sostibles Alimentarios, impulsado por Clusaga ao longo dos anos 2024 e 2025 co obxectivo apoiar á industria alimentaria galega na súa transición cara a modelos produtivos máis sostibles e dixitais, en resposta aos novos retos normativos e de mercado.
A sustentabilidade consolidouse como un factor clave para o sector, non só polo seu impacto ambiental, senón tamén como elemento estratéxico para a competitividade. A recente aprobación do novo Real Decreto sobre a pegada de carbono marca un cambio de paradigma ao establecer obrigas para medir, reducir e comunicar as emisións de gases de efecto invernadoiro, tanto ao consumidor como ao conxunto da cadea de valor. Neste contexto, as empresas deben adaptar os seus procesos de maneira eficiente, aliñándose coas novas esixencias lexislativas e coas expectativas dun mercado cada vez máis orientado á transparencia e á descarbonización.
Durante o encontro presentaranse os principais resultados do obradoiro, así como diferentes casos e ferramentas que poden contribuír a mellorar a preparación das empresas galegas fronte a este novo marco. Abordarase, en primeiro lugar, o contexto normativo co relatorio de Marta González, de LURNOVA, que ofrecerá unha análise do novo Real Decreto sobre a pegada de carbono e as súas implicacións para o sector.
A continuación, Marta Eiroa, de Galaica, afondará nas accións que as empresas poden activar para reforzar a súa competitividade máis aló do mero cumprimento normativo, aproveitando a sustentabilidade como vector de innovación e posicionamento estratéxico. Pola súa parte, Carolina Elduayen, en representación de Unifikas-CYC, presentará unha plataforma dixital integrada para a xestión ambiental, de calidade e de seguridade alimentaria, como exemplo de solución tecnolóxica ao servizo desta transformación.
O acto tamén contará coa participación de Perla Ferrer, do Clúster Alimentario de Galicia, quen será a encargada de expor os resultados globais do proxecto e de realizar a clausura do evento.
A celebración deste encontro enmárcase no compromiso de Clusaga por promover a colaboración entre os distintos elos da cadea de valor alimentaria e os axentes tecnolóxicos e de coñecemento, contribuíndo á consolidación dunha industria alimentaria galega máis sostible, eficiente e preparada para os desafíos do futuro.