O Cluster Alimentario de Galicia organiza o vindeiro 8 de xullo de 2026, de 10:00 a 12:00 horas, no Hotel Palacio del Carmen de Santiago de Compostela, un novo almorzo de insights baixo o título “The Great Reset: como adaptarse aos cambios que están a redefinir os mercados e o consumo”.
O encontro estará centrado en analizar algúns dos grandes cambios que están a transformar o comportamento dos consumidores, a evolución dos mercados e a forma na que as empresas xeran valor. Ao longo da xornada abordaranse cuestións tan relevantes como o impacto da intelixencia artificial, a evolución dos hábitos de compra, a crecente fragmentación dos consumidores ou as novas oportunidades que xorden para aquelas organizacións capaces de adaptarse con rapidez a unha contorna en constante transformación.
A sesión ofrecerá unha visión práctica e estratéxica sobre como interpretar estas tendencias e trasladalas á toma de decisións empresariais, con especial foco nos retos e oportunidades para o sector alimentario.
A xornada contará coa participación de David Cortadellas, Insights & Content Director Europe de BMC, e Andrea Fogarolli, Associate Director de BMC, profesionais de BMC – Business Meets Culture, consultora especializada en axudar ás organizacións a medrar conectando estratexia, cultura, comportamento humano e oportunidades de mercado.
David Cortadellas conta cunha ampla traxectoria axudando organizacións de distintos sectores a identificar novas oportunidades de crecemento en contornas de cambio. O seu traballo céntrase na interpretación de tendencias, na estratexia e na identificación das forzas que están a redefinir os mercados.
Andrea Fogarolli achegará a súa experiencia internacional en márketing, desenvolvemento de negocio e xestión de marcas de gran consumo, contribuíndo a traducir estes cambios en implicacións prácticas para o crecemento, a innovación e a construción de marca.
A través de casos, exemplos e tendencias emerxentes, compartirán claves para comprender como están a evolucionar os consumidores, que factores están a condicionar as decisións de compra e que capacidades precisan desenvolver as empresas para manter a súa competitividade nun contexto de cambio constante.
Para participar, é necesario completar o formulario de inscrición correspondente.
Para calquera consulta adicional, poden contactar co equipo de Cluster Alimentario de Galicia a través do correo electrónico global@clusaga.org.









