O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza o 14 de xuño, no Museo da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela), o seu evento sectorial anual: o Foro e Premios Galicia Alimentación. Coma cada ano, a xuntanza contará con expertos e profesionais da industria alimentaria para analizar os grandes retos globais, abordar cuestións estratéxicas e debater sobre o futuro do sector.
Ademais, a cita acollerá o acto de entrega da IX Edición dos Premios Galicia Alimentación, galardóns que recoñecen iniciativas e accións destacadas no ámbito do sector alimentario galego en catro categorías: Produto Innovador, Produto Excelente, Proxecto Sectorial e Estratexia de Mercado.
De forma complementaria á celebración do Foro e Premios, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o Patrocinio Ouro de Caixa Rural Galega, Gadisa e Vegalsa-Eroski, e o Patrocinio Bronce de Salimat Abanca, Clusaga celebrará ás 9.00 horas a súa Asemblea Xeral exclusiva para socios. Nesta ocasión, un dos temas centrais a abordar será a renovación da Xunta Directiva do Clúster.
A xornada pública dará comezo a partir das 10.45 horas, momento no cal se recibirá aos asistentes cun Almorzo de Alimentos e Bebidas de Galicia, un momento pensado para facer networking e visitar, respectivamente, a Exposición Galicia Alimentación de Produtos Excelentes e Innovadores, e as Demos Tecnolóxicas – Conexión Industria-Consumidor.
A continuación, e tras a benvida institucional ao acto da man de Juanjo de la Cerda, presidente de Clusaga, arrancará o Foro, estruturado en dúas mesas redondas e un relatorio. Baixo o título “Alimentación sostible e resiliencia alimentaria. Reflexións en torno a unha transición necesaria”, abordará os factores con impacto no actual modelo de produción de alimentos, a perspectiva global do sector alimentario e o gran consumo; e a experiencia empresarial en torno á integración vertical da sustentabilidade.
O panel de expertas e expertos de 2023 o conforman Antonio Vasconcelos, de INSURE.Hub; Eva Garell, de B Lab Spain; Adrián Gallero, de Red2Red; Mila Valcárcel, de Eatable Adventures; Jordi Cuatrecases, de AECOC, Ruy Andrade, de Grupo Pereira; Jose Piñeiro, de Kiwi Atlántico; María Fontán, mariscadora autónoma; Ana Corredoira, de Gandería A Cernada; Jose Luis Antuña, consultor-asesor de empresas; e Ana Felgueiras, de Clusaga.
Ao concluír o Foro, a Gala de entrega dos Premios Galicia Alimentación revelará as entidades gañadoras nas categorías desta IX Edición: Produto Innovador, Produto Excelente, Proxecto Sectorial e Estratexia de Mercado.
Para terminar, e como en edicións anteriores, as persoas asistentes poderán desfrutar do Cocktail de Alimentos e Bebidas de Galicia, conformado por produtos de entidades socias de Clusaga. Durante a comida volverán a habilitarse tanto a Exposición Galicia Alimentación de Produtos Excelentes e Innovadores, coma as Demos Tecnolóxicas – Conexión Industria-Consumidor.
Tras isto, aquelas empresas que teñan manifestado o seu interese en manter reunións B2B con outras entidades aproveitando a celebración deste evento, poderán acceder ao espazo asignado para o desenvolvemento das súas respectivas axendas.
As persoas interesadas en asistir ou participar no Foro e Premios Galicia Alimentación 2023 deben rexistrarse a través do formulario que aparece a continuación. O prazo para facelo permanecerá aberto ata o 12 de xuño ás 14.00 horas.
Para máis información pode consultarse o programa completo ou contactar con Clusaga no correo comunicacion@clusaga.org ou no teléfono 981 556 062.