O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza o 26 de xuño, no Museo da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela), o seu evento sectorial anual: o Foro e Premios Galicia Alimentación. Coma cada ano, a xuntanza contará con expertos e profesionais da industria alimentaria para analizar os grandes retos globais, abordar cuestións estratéxicas e debater sobre o futuro do sector.
Ademais, a cita acollerá o acto de entrega da XI Edición dos Premios Galicia Alimentación, galardóns que recoñecen iniciativas e accións destacadas no ámbito do sector alimentario galego en dúas categorías: “Alimentos e Bebidas”, cos premios a Produto Excelente e Produto Innovador; e Iniciativas do Sector Alimentario, cos de Innovación, Sustentabilidade e Proxección e Estratexia de Mercado.
De forma complementaria á celebración do Foro e Premios, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o Patrocinio Ouro de Caixa Rural Galega, Gadisa e Vegalsa-Eroski, e o Patrocinio Bronce de Salimat Abanca, Hotel Puerta del Camino e TripleAlpha. Clusaga celebrará ás 9.00 horas a súa Asemblea Xeral exclusiva para socios. Nesta ocasión, un dos temas centrais a abordar será a o novo Plan Estratéxico 2026-2029.
A xornada pública dará comezo a partir das 10.30 horas, momento no cal se recibirá aos asistentes cun Almorzo de Alimentos e Bebidas de Galicia, un momento pensado para facer networking e visitar, respectivamente, a Exposición Galicia Alimentación de Produtos Excelentes e Innovadores, e o Espazo Demos.
A continuación, e tras a benvida institucional ao acto da man de Andrés Rodríguez, presidente de Clusaga, arrancará o Foro. Baixo o título “Galicia Alimenta o Futuro: Innovación e Liderado en Transformación do Sector”, este encontro estará estruturado en dous bloques temáticos: por un lado, o primeiro bloque titulado “Innovación e Tendencias que redefinen o Sector Alimentario”, que conta cunha ponencia sobre as novas tendencias e innovación do sector e unha mesa redonda dedicada á innovación no sector lácteo e o proxecto PERTE Agroalimentario Smarz4Milk; por outro, o bloque “Liderado e visión estratéxica para un futuro sostible e competitivo”, cunha ponencia sobre a transformación do retail dende a perspectiva da gran distribución e unha mesa redonda sobre liderado para o futuro do sector.
O panel de expertas e expertos de 2025 o conforman, no primeiro bloque, Juan Francisco Delgado, da Fundación Europea para a Innovación (INTEC); Carmen Lence, de Grupo Lence (Río de Galicia); José Luis Cabarcos, de Bico de Xeado; Rubén Hidalgo, de CAPSA Vida; Maikel Fernández, de Queixería Prestes e de Hugo Criado, de Medrar Solutions.
No segundo bloque, contarase coa presenza de Matilde García, de La Distribución ANGED; Juan Luis Méndez, de Vinigalicia; Ramón Alonso, de Cafés Candelas; Francisco Hevia, de Galletas Gullón; Rosa María Nieto, de Conservas Friscos e de Julio Audicana, de San Telmo Business School.
Ao concluír o Foro, a Gala de entrega dos Premios Galicia Alimentación revelará as entidades gañadoras nas categorías desta XI Edición: Alimentos e Bebidas e Iniciativas do Sector Alimentario.
Para terminar, e como en edicións anteriores, as persoas asistentes poderán desfrutar do Cocktail de Alimentos e Bebidas de Galicia, conformado por produtos de entidades socias de Clusaga. Durante a comida volverán a habilitarse tanto a Exposición Galicia Alimentación de Produtos Excelentes e Innovadores, coma o Espazo Demos.
Tras isto, aquelas empresas que teñan manifestado o seu interese en manter reunións B2B con outras entidades aproveitando a celebración deste evento, poderán acceder ao espazo asignado para o desenvolvemento das súas respectivas axendas.
As persoas interesadas en asistir ou participar no Foro e Premios Galicia Alimentación 2025 deben rexistrarse a través do formulario que aparece a continuación. O prazo para facelo permanecerá aberto ata o 24 de xuño ás 14.00 horas.
Para máis información pode consultarse o programa completo ou contactar con Clusaga no correo comunicacion@clusaga.org ou no teléfono 981 556 062.