O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), en liña co seu compromiso coa sustentabilidade do sector alimentario e co obxectivo de acompañar ás empresas na súa transición verde e dixital, impulsa en 2026 a II Edición do Foro GREEN VALUE 4 FOOD, unha iniciativa orientada a promover un desenvolvemento sostible e circular ao longo de toda a cadea de valor alimentaria.
Así, o 29 de xaneiro de 2026, en horario de mañá, a Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela) volverá acoller no Edificio CINC esta xornada de referencia, que sitúa a sustentabilidade alimentaria como eixo central. A través das achegas dun panel de relatores, o encontro permitirá abordar esta temática desde unha visión integral, aliñada cos principais retos e oportunidades actuais para as empresas e profesionais do sector da alimentación e das bebidas.
O Foro contará cunha apertura institucional centrada nas políticas públicas vinculadas á transición verde, á que se sumarán relatorios e mesas redondas temáticas que afondarán no compromiso sostible das empresas, no impacto ambiental do sector alimentario e nas estratexias necesarias para avanzar cara a modelos máis responsables e competitivos. O programa completo xa está dispoñible.
Impacto positivo nos procesos produtivos, sustentabilidade no consumo e na cadea de valor, valorización de residuos, ecodeseño de produtos alimentarios, pegada ambiental, capital natural, finanzas sostibles ou bonos verdes son algunhas das cuestións clave que marcarán os contidos desta segunda edición de GREEN VALUE 4 FOOD.
O encontro consolidarase, ademais, como un espazo privilexiado para o networking e a identificación de oportunidades de colaboración entre os distintos axentes do ecosistema alimentario, incorporando tamén unha área expositiva cunha mostra de solucións sostibles para o ecosistema alimentario.
GREEN VALUE 4 FOOD é unha iniciativa de Clusaga que conta co Patrocinio Ouro da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e co Patrocinio Prata de Ecoembes.
Para asistir a GREEN VALUE 4 FOOD será preciso inscribirse a través do formulario habilitado nesta páxina. Para máis información, pódese contactar con Clusaga no correo info@clusaga.org ou no teléfono 981 556 062. O programa definitivo do evento publicarase nos vindeiros días.









