A Área de Mercados e Internacionalización do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), atendendo á Medida 2.3 do seu Plan Estratéxico 2021-2025 “Accións colaborativas por segmentos de mercado e canles de distribución vinculadas á proxección da marca Galicia”, lanza unha Manifestación de Interese ás empresas socias a fin de desenvolver unha acción de promoción gastronómica no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, na semana do 12 ao 19 de setembro de 2023.
Esta acción ten como público obxectivo a profesionais da canle HORECA que mercan produto no Mercado de Abastos da cidade, así como a visibilizar os produtos galegos entre os turistas e visitantes que se achegan ao Mercado, o segundo edificio máis visitado da capital galega. Trátase dunha aposta pola promoción conxunta de produtos galegos, nos que o posicionamento das diferentes marcas contribúe a proxectar a marca Galicia e dá continuidade as estratexias de marketing e comercialización das propias empresas.
Para levar a cabo esta acción promocional, Clusaga disporá de varios postos dentro do Mercado de Abastos nos que ofrecer degustacións e catas dos produtos participantes, organizará un showcooking e habilitará espazos de interacción entre produtores e clientes. A iniciativa consta de dúas accións diferenciadas, sendo obrigatoria a participación na Acción 1 para poder optar á participación na Acción 2.
As empresas participantes estarán presentes nos postos 156, 157 e 158 da Nave 6 do Mercado de Abastos baixo unha campaña de promoción colaborativa de produtos cun reclamo publicitario inclusivo (deseñarase unha campaña promocional e merchandising). Durante a semana de funcionamento, persoal formado sobre cada un dos produtos ofrecerá degustacións e catas, así como agasallo de material específico da promoción conxunta.
O xoves 14 de setembro celebrarase un showcooking cun cociñeiro de renome da cidade, que elaborará un par de receitas cos produtos participantes e aos que ademais estarán convocados produtores, medios especializados e representantes institucionais e da hostalaría da cidade.
As persoas que participen nas catas ou degustacións, segundo condicións a determinar, terán a posibilidade de entrar nun sorteo de experiencias de turismo industrial (só aberto ás empresas socias de Clusaga participantes e con condicións de ser visitables).
A Aula-cociña do Mercado de Abastos poderá ser alugada e reservada polas empresas participantes na Acción 1, coa fin de dispor dun espazo individual de marca ao que convocar a clientes ou consumidores para desenvolver accións promocionais diferenciadas. En quendas de 2 horas, de 10 a 12 ou de 12 a 14h, as empresas poderán realizar as accións promocionais que estimen, aproveitando as instalacións dentro do Mercado.
Promoverase a participación activa na Acción 1 dos restaurantes da Nave 5 (dedicada integramente a hostalaría), así como do resto de postos do Mercado, a través de actividades coma o cociñado de produtos e promoción desde os restaurantes, posibles ofertas especiais nos postos de venda de produtos participantes, etc.
A execución das accións está suxeita a acadar un número mínimo de 9 participantes para garantir a súa viabilidade. O prazo para cubrir esta primeira Manifestación de Interese remata o 28 de xullo ás 15h. Para máis información pode consultarse o programa completo ou contactar con Clusaga no correo insights@clusaga.org ou no teléfono 881 04 36 87.