Misión á Feira Tecnolóxica Hannover Messe. Abril 2023

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) está a organizar unha misión á Feira Tecnolóxica Hannover Messe entre os días 17 e 21 de abril de 2023. Esta actividade enmárcase na iniciativa de organización de misións de prospección e de estudo no ámbito da innovación, considerada no Plan Estratéxico 2021-2025 de Clusaga.

A finalidade da misión é coñecer de primeira man as últimas novidades tecnolóxicas aplicables aos sectores manufactureiros. O interese para as empresas alimentarias radica no amplo enfoque de liñas tecnolóxicas aplicables á industria de alimentación e bebidas, á importancia das empresas que participan no evento e á posibilidade de establecer relacións e contactos con diversos axentes e para coñecer as últimas tendencias e innovacións.

Para fomentar a participación nesta feira tecnolóxica, Clusaga pon a disposición dos socios o mecanismo de apoio económico ClusterXchange, que apoia estadías curtas (3-5 días) en países europeos. Este mecanismo está dispoñible a través do proxecto europeo AgriFoodX5.0, de cuxo consorcio forma parte o Clúster.

Feira Tecnolóxica Hannover Messe

Hannover Messe é a principal feira tecnolóxica no conxunto dos sectores industriais a nivel mundial. Neste encontro os visitantes das industrias manufactureiras poderán ver os exemplos máis vangardistas de como converter as plantas de produción en fábricas do futuro. As temáticas principais desta edición inclúen: intelixencia artificial e machine learning; produción neutra en carbono; xestión enerxética; hidróxeno e celas de combustible; Industria 4.0.

Ademais, a Feira, que nesta Edición ten a Indonesia coma país colaborador, conta con multitude de eventos paralelos como foros, conferencias, eventos especiais, premios ou matchmaking. Hannover Messe reúne a máis de 66.400 asistentes, conta con máis de 2.500 expositores e permite dar a coñecer máis de 8.000 produtos e solucións.

Apoio e inscrición

O apoio de Clusaga inclúe a cobertura parcial dos custos de viaxe e aloxamento, apoio á organización loxística e na organización de actividades conxuntas para as entidades socias participantes. Para participar é preciso inscribirse a través do seguinte formulario antes do día 9 de marzo ás 14.00 horas. Para calquera aclaración ou información adicional, pódese contactar con Clusaga no correo info@clusaga.org ou no teléfono 981 556 062.

Event Schedule Details

  • 9 Marzo 2023
Compartir
Engadir ao Calendario