Un dos obxectivos do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) é mellorar o posicionamento das empresas alimentarias galegas nos mercados internacionais. En liña co anterior, a Área de Mercados e Internacionalización de Clusaga organiza unha misión comercial inversa de Corea do Sur do 11 ao 13 de abril, para estreitar relacións comerciais entre empresas galegas e importadores e distribuidores deste mercado.
A misión levarase a cabo a través de dúas modalidades. A modalidade A consiste na organización de reunións cos importadores por un custo de 200€ (3 reunións). A modalidade B inclúe, ademais, as visitas a fábricas ou adegas cos importadores, e ten un custo adicional de 200€.
Corea do Sur esixe especial atención por ser a 11ª economía do mundo e a 4ª economía asiática en termos de PIB. Tamén é o 9º maior importador a nivel mundial de mercadorías e o 3º a nivel asiático. Ademais é o 3º mercado máis importante para España en Asia, despois de China e Xapón.
O mercado surcoreano é de especial interese para as empresas do sector da alimentación e as bebidas debido ao elevado poder adquisitivo da poboación coreana, a occidentalización dos seus gustos e o seu interese pola cultura española.
Esta misión inversa contará coa participación de tres importadores ou distribuidores de alimentación e bebidas procedentes de Corea do Sur.
Os importadores invitados serán quen seleccione, a partir das fichas das empresas inscritas, aquelas coas que desexen manter unha reunión, así como as fábricas que desexen visitar. Ademais, os importadores resérvanse o dereito de desestimar tanto a reunión coma a visita ás instalacións de empresas cuxos produtos non respondan aos seus intereses.
A participación nestes encontros inclúe tanto a confección dunha axenda personalizada, coma a difusión dos perfís das empresas entre os importadores invitados. Isto último levarase a cabo facilitando un directorio das empresas participantes aos importadores.
Os encontros de ambas modalidades serán organizados por Clusaga. As reunións terán lugar en Santiago de Compostela e a súa duración será de media hora aproximadamente.
A participación nesta misión require inscrición previa a través do formulario de manifestación de interese que aparece a continuación, sendo a data límite para facelo o 23 de marzo de 2023. Para máis información pode contactar con Clusaga no teléfono 881 043 687 ou no correo international@clusaga.org.