O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza unha Misión Tecnolóxica á Feira Anuga FoodTec 2024, o evento líder de tecnoloxía da industria alimentaria e de bebidas celebrado cada tres anos en Koelnmesse (Colonia, Alemaña). Esta terá lugar nos días 20 e 21 de marzo.
O propósito da misión coordinada por Clusaga é permitir ás empresas participantes explorar as innovacións e perspectivas tecnolóxicas destacadas nos diversos segmentos temáticos abordados durante a feira. Estes inclúen o envasado de alimentos, o procesamento de alimentos, a seguridade e analítica, a automatización, a dixitalización, o medio ambiente e a enerxía, a ciencia, así como a intraloxística. Ademais, brinda a oportunidade de establecer conexións e contactos valiosos con diversos actores do sector.
Esta é a única feira comercial do mundo que cobre todo o espectro da produción de alimentos, polo que se trata da plataforma líder de información e aprovisionamento para a industria global de alimentos e bebidas. Na súa última edición (2022), contou coa participación de máis de 25.000 visitantes de 120 países diferentes e 1.034 empresas expositoras.
En Anuga FoodTec, os visitantes das industrias manufactureiras terán a posibilidade de participar en matchmakings entre as empresas, asistir a distintos foros e workshops, e participar en puntos de encontro e visitas guiadas. Pode atopar máis información sobre a axenda de eventos na web da feira.
As pemes socias de Clusaga interesadas en participar na misión poderán optar a unha axuda para gastos de viaxe e aloxamento, a cal estará xestionada por Clusaga a través da convocatoria Galicia Exporta Organismos Intermedios. A subvención cobre como máximo o 70% dos custos directos subvencionables.
Os gastos de viaxe máximos subvencionables por participante son de 580 € (para o caso de Colonia) e os gastos máximos de aloxamento e almorzo subvencionables son de 172€ (80% do per diem fixado pola Unión Europea para o caso de Alemaña). Esta axuda está suxeita a réxime de minimis.
As empresas ou outras organizacións non elixibles na convocatoria de Galicia Exporta Organismos Intermedios tamén poderán formar parte da delegación cubrindo elas mesmas os seus gastos de participación.
As empresas interesadas en formar parte desta delegación débense rexistrar neste enlace ata o 1 de febreiro. Pola súa banda, as pemes interesadas en optar á axuda para gastos de viaxe e aloxamento deberán enviar a Clusaga o formulario de “DATOS DA PEME PARTICIPANTE” ata o 1 de febreiro.
Para aclaracións ou solicitudes de información adicional, contacte con Clusaga no correo electrónico industria@clusaga.org, ou no teléfono 881 023 853.