Baixo o reclamo “Na túa despensa, o mellor de Galicia”, as empresas socias do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Cuevas Marrón Glacé, El Nogal, Granbazán, Pazo do Queixo, Larsa, Méndez-Rojo, Quescrem, Real Conservera Española e Torre de Núñez estarán presentes do 12 ao 19 de setembro no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela.
Trátase dunha aposta do Clúster pola promoción conxunta de produtos galegos, na que o posicionamento das diferentes marcas de empresas socias contribúe a proxectar a marca Galicia e dá continuidade as estratexias de marketing e comercialización das mesmas.
Nesta semana de promoción conxunta, o posto de Clusaga na Nave 6 acollerá, de 9.30 a 14.30 horas, catas, degustacións, receitas, sorteos de experiencias de turismo industrial e gastronómico, lotes de produtos, agasallos e máis sorpresas. Estas actividades son de balde ata esgotar existencias de produtos.
Asimesmo, a Aula – Cociña do Mercado de Abastos será escenario de diversos eventos promovidos por Clusaga, polas empresas participantes e outras entidades socias do Clúster. Estas actividades son de balde e con aforo limitado, polo que para asistir a cada unha delas é preciso inscribirse previamente.
Para máis información, pode consultarse o programa completo ou contactar con Clusaga no correo comunicacion@clusaga.org ou no teléfono 981 556 062.