O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), en colaboración con ANFACO-CECOPESCA, organiza un obradoiro co propósito de explorar novas estratexias e oportunidades no deseño de sistemas de produción futuros no sector mar-industria.
Este evento, que terá lugar o vindeiro 8 de maio, ás 10.00 horas, na sede de ANFACO-CECOPESCA en Vigo, enmárcase no proxecto IMPRESS, unha iniciativa da que Clusaga forma parte e que busca impulsar a economía mariña e de auga doce de base biolóxica en Europa a través da co-creación, oferta e promoción de novos produtos e procesos mellorados utilizando especies de baixo nivel trófico.
Así, durante o obradoiro identificaranse recursos infrautilizados e subprodutos do procesamento para o seu aproveitamento sostible, e analizaranse as barreiras e oportunidades no desenvolvemento e introdución de novos produtos.
O encontro, enfocado a empresas e entidades do sector pesqueiro, acuícola e conserveiro, desenvolverase como unha sesión interactiva. Deste xeito, as persoas participantes terán a oportunidade de compartir os seus coñecementos, experiencias e perspectivas sobre os temas propostos.
Para asistir a este obradoiro é preciso inscribirse antes do 6 de maio ás 15.00 horas a través do formulario que aparece a continuación. Para máis información, pode consultarse o programa completo ou contactar con Clusaga no correo idi@clusaga.org ou no teléfono 682 616 021.