O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza, no marco do Programa Competemar 2026, un ciclo de dous webinars orientado a ofrecer ás empresas galegas unha primeira aproximación ao mercado chinés desde dúas perspectivas complementarias, da man de expertos de referencia e cun enfoque práctico, rigoroso e orientado a negocio.
Sesión 1: “Exporting Food & Beverage Products to China”
A primeira sesión, titulada “Exporting Food & Beverage Products to China”, será impartida por EU SME Centre e terá lugar o 28 de abril de 2026 ás 11.00 horas, en formato virtual. O seu obxectivo será achegar unha visión práctica sobre a exportación de produtos de alimentación e bebidas a China, abordando cuestións clave como o acceso ao mercado, os requisitos regulatorios e os principais aspectos a ter en conta por parte das empresas europeas interesadas en operar neste destino. Esta sesión realizarase en inglés.
Sesión 2: “Exportar a China: claves para o sector alimentario galego”
A segunda sesión terá lugar o 5 de maio de 2026 ás 11.30 horas, tamén en formato virtual, e contará coa participación de Diego Sande Veiga, director do Diploma de Especialista en Economía e Política China do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela, e de Rubén Camilo Lois González, director do IDEGA e codirector do Diploma de Especialista en Economía e Política China.
Esta segunda sesión estará especialmente orientada a empresas con pouca ou ningunha experiencia exportando a China e permitirá comprender mellor algúns dos elementos que condicionan o acceso e o posicionamento neste mercado. Entre os contidos previstos inclúense:
O sistema de información e os medios de comunicación en China, aplicado á promoción de produtos alimentarios.
Os fundamentos da gobernanza e do sistema político chinés e as súas implicacións prácticas para as empresas.
O contexto cultural e as claves de relación empresarial no país.
Este ciclo enmárcase na aposta de Clusaga por achegar contidos de valor ás empresas asociadas e apoiar os seus procesos de internacionalización, facilitando coñecemento útil para explorar con maior criterio as oportunidades que ofrece un mercado estratéxico como o chinés.
Inscrición
Para asistir a calquera das sesións que compoñen este Ciclo é necesario inscribirse a través do formulario que aparece a continuación. Aínda que está dirixido a empresas participantes no Programa Competemar 2026, trátase dunha actividade aberta ao público previa inscrición.









