O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza unha participación agrupada de startups e entidades socias na feira expositiva Food 4 Future, que terá lugar do 16 ao 18 de maio en Bilbao. Este encontro vén de converterse nunha plataforma de innovación chave para o sector da alimentación e bebidas, e supón unha xanela para atopar novas tecnoloxías e solucións para a sustentabilidade, a saúde e a dixitalización en toda a cadea de valor alimentaria, ao tempo que permite ás empresas participantes amosar os seus produtos e coñecer aos seus compradores.
En concreto, salientan as aplicacións de automatización, de tecnoloxía de datos ou de técnicas de procesamento, xunto co feito de que esta plataforma permite ás empresas de tecnoloxía e FoodTech presentar as súas solucións para atraer novos clientes.
Na mesma liña, Food 4 Future crea o espazo ExpoFoodTech Startup Forum para startups, que busca que novas empresas que poderían impactar no sector FoodTech atopen investidores, capital risco e empresas líderes, ao tempo que establecen colaboracións.
Ante a oportunidade que supón este encontro, Clusaga está a promover a participación agrupada no Pavillón de Galicia FoodTech en Food 4 Future a través de dúas modalidades. A primeira delas vai dirixida a proxectos de emprendemento e startups da Business Factory Food (BFFood), mentres que a segunda modalidade ten o seu target nas empresas innovadoras e do ámbito tecnolóxico socias do Clúster.
A execución desta acción está suxeita a alcanzar un número mínimo de nove participantes. Do mesmo modo, o custo de participación de cada unha das dúas modalidades podería variar en función do número de empresas confirmadas. A manifestación de interese debe realizarse a través do formulario que aparece a continuación antes do 10 de marzo. Para máis información, pódese consultar o programa completo ou contactar con Clusaga no correo info@clusaga.org ou no teléfono 981 556 062.