Presentación de Smartz4milk (PERTE Agroalimentario) | Innovación, sustentabilidade e dixitalización. Redefinindo o futuro do sector lácteo

O vindeiro martes, 9 de xullo de 2024, de 9.30 a 12.00 horas, o consorcio do proxecto Smartz4milk –Cadea de valor láctea intelixente, rastrexable, sostible e conectada – celebra a presentación institucional desta iniciativa tractora que, financiada no marco das axudas ás actuacións de fortalecemento industrial do PERTE Agroalimentario, no marco do  Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), pretende incrementar a competitividade, sustentabilidade e resiliencia do sector lácteo galego.

A presentación, que será aberta ao público baixo inscrición previa e con aforo limitado, terá lugar na Sala de Eventos do Edifico Fontán da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela). Nela daranse a coñecer os principais obxectivos e actuacións en execución do proxecto Smartz4milk, unha análise sobre os desafíos do sector lácteo, e as oportunidades que ofrece a segunda convocatoria do PERTE Agroalimentario.

Despois da benvida institucional, tomarán a palabra os socios do consorcio do proxecto: as lácteas Grupo Leche Río (líder), CAPSA Food, CLUN, Clesa, CAP Coruña, Queizúar e Queixería Prestes; e as tecnolóxicas Grupo AMSlab, ASM Soft, Plexus Tech e Sixtema. Baixo a moderación de representantes de Medrar Smart Solution (coordinador técnico da proposta), e do Clúster Alimentario de Galicia (impulsores do proxecto e coordinadores de relacións institucionais), debullaranse os obxectivos específicos do proxecto, a executar ata xuño de 2025, así como o aporte de cada unha das empresas socias para acadalos.

A continuación, será a quenda dos expertos de algunhas das entidades que integran o Comité Consultivo do proxecto: a Organización Interprofesional Láctea (INLAC), a Asociación Española de Codificación Comercial (AECOC), a Federación Española de Industrias de Alimentación y Bebidas (FIAB), e a Asociación Gallega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), que achegarán unha análise das chaves do futuro da cadea de valor láctea a través dunha mesa redonda.

A xornada pública pecharase coa exposición das oportunidades derivadas da segunda convocatoria do PERTE Agroalimentario, que darán a coñecer da man de representantes da Oficina Técnica do Comisionado especial para o PERTE Agroalimentario. Unha vez remata a sesión, os membros do consorcio do proxecto celebrarán unha reunión de traballo co Comité Consultivo de Smartz4milk.

Para asistir ao evento público de presentación institucional é preciso inscribirse antes do 8 de xullo ás 14.00 horas na ligazón que aparece a continuación. No caso das entidades membro do proxecto, poderase indicar asistencia á xuntanza posterior. Para máis información pódese consultar o programa completo ou contactar con Clusaga no correo bdm@clusaga.org ou no teléfono 629 991 023.

Event Schedule Details

  • 9 Xullo 2024
Compartir
Engadir ao Calendario