O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), en liña co seu compromiso coa sustentabilidade do sector alimentario e co seu obxectivo de acompañar ás empresas na súa transición verde e dixital, arranca o 2024 coa I Edición do seu Foro GREEN VALUE 4 FOOD, unha iniciativa a prol do desenvolvemento sostible e circular da cadea de valor alimentaria.
Así, o 25 de xaneiro, en horario de mañá, a Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela) acollerá esta ambiciosa xornada coa sustentabilidade alimentaria como eixo central. A través das perspectivas dun panel de relatores de primeira categoría, o encontro servirá para abordar esta temática dende todas as perspectivas de interese actual para as empresas e profesionais do sector da alimentación e das bebidas.
O Foro arrancará cunha apertura institucional que permitirá afondar nas políticas públicas para a transición verde, e que dará paso a un relatorio e tres mesas redondas que debullarán polo miúdo o compromiso sostible das empresas, o impacto ambiental do sector alimentario e as estratexias para a transición verde.
Impacto positivo en procesos produtivos, sustentabilidade no consumo e na cadea de valor, valorización de residuos, ecodeseño de produtos alimentarios, pegada ambiental, capital natural, finanzas sostibles e bonos verdes son só unha mostra das cuestións nas que o Foro GREEN VALUE 4 FOOD pretende afondar nesta I Edición.
O encontro, que constituirá unha excelente ocasión para o networking e o estudo de oportunidades de colaboración entre os distintos axentes do sector da alimentación, será tamén un espazo expositivo, contando cunha mostra de Solucións sostibles para o Ecosistema Alimentario.
GREEN VALUE 4 FOOD é unha iniciativa de Clusaga que conta co Patrocinio Ouro da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; e co Patrocinio Prata de ABANCA. Asimesmo, INSURE.Hub, a plataforma internacional para a innovación sostible da que Clusaga forma parte, participa neste evento como colaboradora.
Para asistir a GREEN VALUE 4 FOOD é preciso inscribirse a través do formulario que aparece a continuación. Para máis información, pódese contactar con Clusaga no correo info@clusaga.org ou no teléfono 981 556 062. O programa completo do evento será publicado nesta páxina nos vindeiros días.