A Comisión de Innovación e I+D do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza, no marco do seu grupo de traballo dous 2 “Novos modelos de produción e comercialización. Innovación en procesos e tecnoloxías. Dixitalización”, un taller online co obxectivo de promover a xeración de ideas de proxectos colaborativos en áreas de especial relevancia para o avance da transformación dixital na industria alimentaria galega.
A xornada, que terá lugar o xoves 4 de marzo de 9.30 a 11.30 horas, comezará coa presentación de convocatorias para o financiamento de proxectos de I+D e innovación no marco dos programas que apoian a dixitalización e Industria 4.0.
Posteriormente, presentaranse de maneira breve as oportunidades e aplicacións para a industria alimentaria en diversas áreas temáticas relevantes relacionadas coa Industria 4.0. Serán Álvaro Dosil, director técnico de Triplo Alpha, Juan Carlos Galán, business development manager do Instituto Tecnolóxico de Galicia, Gonzalo Abuín, Co-founder & CEO de Perfect Numbers, José Rodríguez, responsable comercial e de marketing de ASM Soft, e Hugo Barreiro, responsable de Industria 4.0 de ANFACO-CECOPESCA, quen as aborden.
Finalmente, realizarase unha dinámica por grupos de traballo. Os participantes dividiranse (segundo os seus intereses e preferencias) en cinco grupos, cada un enfocado nunha das temáticas destacadas que foron presentadas anteriormente, e colaborarán para esbozar posibles ideas de proxectos.
Neste taller poden participar exclusivamente os membros do grupo de traballo dous da Comisión de Innovación e I+D de Clusaga ou a calquera outra entidade interesada en unirse ao mesmo. A inscrición debe realizarse a través do formulario que aparece facendo clic no botón “inscribirse” que se mostra a continuación.