A Comisión de Innovación e I+D do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza a quinta xornada do seu ciclo de encontros para analizar os retos estratéxicos do sector no salón do actos do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) o mércores, 26 de febreiro.
A xornada desenvolverase en horario de 10 a 12.15 horas e contará coa presenza do vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, que será o responsable de dar a benvida.
A seguir, Roberto Alonso, xerente de Clusaga, presentará o Cluster, a súa Comisión de Innovación e grupos de traballo. Por outra banda, Sergio Martínez, responsable de I+D de Innolact, e Ángel Pereira, director de Innovación de Dairylac, presentarán os retos que se abordarán a través da Comisión.
Finalmente, os grupos de investigación da Universidade de Santiago con liñas de traballo vinculadas ao sector alimentario poderán presentar a súa actividade para compartir e intercambiar ideas.