O 1 de xaneiro de 2021 finalizou o período de transición para a saída do Reino Unido da Unión Europea, e, por tanto, desde ese momento as transaccións comerciais quedan sometidas aos controis e trámites aduaneiros da consideración de terceiro país.
Co obxectivo de analizar como as empresas deben adaptar a súa operativa a esta novo paradigma, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza, en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BDO – firma internacional de servizos legais e fiscais que traballa no marco do Brexit Hub Plan de continxencia para empresas-, o webinar “Brexit. Impacto aduaneiro, efectos fiscais e medidas de apoio ás empresas”.
A xornada online, que terá lugar o venres 12 de febreiro de 10 a 11.15 horas, contará no acto de apertura con Fernando Guldrís, director do Igape. Tamén, participarán nela Amparo Sanchís, directora de tributación indirecta de BDO España, Álvaro Gómez-Elvira, manager de tributación indirecta de BDO España, Manuela Campos, técnico responsable de internacionalización do Igape, e Roberto Alonso, xerente de Clusaga.
Entre os temas que se abordarán no webinar, desde o punto de vista do IVE e as aduanas, destacan os seguintes: implicacións para as empresas exportadoras ao Reino Unido, repercusión para as empresas importadoras en España de produtos do Reino Unido, impacto nas prestacións de servizos ao Reino Unido, tratamento nas relacións con Irlanda do Norte, situación dos impostos especiais e devolución do IVE soportado.
Ademais, presentarase o kit de ferramentas que o Igape preparou para dar soporte ás empresas galegas ante esta situación e que inclúe o “cheque Brexit”.
As persoas interesadas en asistir ao webinar, poden inscribirse de maneira gratuíta a través do formulario que atoparán facendo clic no botón “inscribirse” que aparece a continuación.