O proxecto europeo F2F Health Matters, impulsado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), mantén aberta ata o 7 de xuño a terceira convocatoria de apoio á internacionalización de pemes alimentarias a mercados internacionais. Nesta ocasión, e tras ter lanzado dúas convocatorias previas enfocadas aos mercado canadiense e xaponés, o consorcio do proxecto seleccionou Emiratos Árabes Unidos (EAU) coma terceiro país destino.
As pemes interesadas na internacionalización a EAU poden optar a tres tipos de apoio diferentes a través desta convocatoria. A modalidade “Comercial Lead Support” cobre os servizos de consultaría de prospeción comercial. A modalidade “Travel Aid” apoia a súa participación nunha misión colectiva de internacionalización a comezos de 2024, cun reembolso de ata 2.000€ dos seus gastos de viaxe. A terceira modalidade consiste en formar parte do “Elite Programme”, un programa de formación e coaching a medida e orientado ao mercado.
Esta convocatoria supón unha oportunidade única para que as pemes europeas que forman parte da cadea de valor dos alimentos expandan o seu negocio ao mercado árabe.
Para aclarar todos os aspectos relativos a esta convocatoria, así como para presentar as oportunidades que este mercado ofrece para o sector alimentario, Clusaga organiza o webinar “Oportunidades e programas de apoio á internacionalización: Emiratos Árabes Unidos” o próximo 25 de maio ás 10.00 horas.
A sesión contará coa intervención da responsable do proxecto F2F Health Matters en Clusaga, Marina Alfonsín, para abordar as cuestións relativas á convocatoria de axudas, mentres que os expertos de Market Access, Manuel Campos e Harold Kohn, estarán a cargo da aproximación ao mercado árabe para as empresas do sector.
A asistencia a este webinar está suxeita á inscrición previa a través deste formulario. O prazo para apuntarse finaliza o 24 de maio ás 16.30 horas. A ligazón para conectarse ao evento será enviada ao correo electrónico facilitado neste formulario o día antes da xornada. Para máis información pódese consultar o programa completo ou contactar con Clusaga no teléfono 881 043 687 ou no correo international@clusaga.org.
O proxecto europeo F2F Health Matters é unha aceleradora de internacionalización para pemes innovadoras especializadas nos sectores da biotecnoloxía e a alimentación saudábel, impulsada por unha alianza de cinco clústeres europeos, entre os que se atopa Clusaga, e financiada polo Programa Europeo COSME. O seu obxectivo é promover o desenvolvemento de servizos de internacionalización colaborativa para un conxunto de pemes europeas.