Webinar informativo “Transición verde e dixital do sector alimentario. Axudas ás pemes para o desenvolvemento da economía circular e a dixitalización”

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza este webinar informativo o vindeiro 2 de agosto ás 13.00 horas. Na sesión exporanse as cuestións máis salientables e resolveranse as posibles dúbidas sobre as dúas novas convocatorias de axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), destinadas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular (IG288), así como da dixitalización e Industria 4.0 (IG240).

Dúas convocatorias de axudas do Igape

O Igape ven de publicar as bases das axudas para a implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular IG288. O obxectivo destas axudas é impulsar proxectos para o desenvolvemento da economía circular cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía, así como na xeración de subprodutos ou desfeitos, e promovendo a revalorización dos mesmos.

Asemade publicou unha nova edición das bases das axudas á dixitalización e Industria 4.0 IG240, destinadas á posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou proxectos de interconexión dixital de procesos entre empresas da cadea de valor.

Eixos do Plan Estratéxico 2021-2025 de Clusaga

Pola súa banda, Clusaga establece no seu Plan Estratéxico a importancia de ambas as temáticas, definidas nos eixos e medidas estratéxicas para o Impulso da sustentabilidade e incorporación de empresas á economía circular e a bioeconomía, así como o apoio á transformación dixital e Industria 4.0.

Por este motivo, ante a fiestra de oportunidade aberta por estas dúas convocatorias de axudas do Igape, Clusaga organiza o webinar “Transición verde e dixital do sector alimentario. Axudas ás pemes para o desenvolvemento da economía circular e a dixitalización”.

Inscrición e máis información

Para asistir ao webinar a inscripción previa a través do formulario que aparece a continuación é requerida. Para solicitar calquera aclaración ou información adicional, poden contactar co Clusaga na caixa de correo electrónico comunicacion@clusaga.org ou no teléfono 981 55 60 62.

Detalles da programación de eventos

  • 2 Agosto 2022
Compartir
Engadir ao Calendario