En colaboración coa empresa galega Grupo Clave, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organiza o mércores, 1 de abril, ás 9.30 horas o webinar “Medidas laborais de adaptación á crise do COVID-19”, a través da plataforma Webex.
Fátima Santiáñez, directora xeral de Grupo Clave abordará as principais medidas laborais que ofrece a normativa para que as entidades poidan tomar as decisións máis acertadas e adaptadas á súa situación. E é que a inesperada e grave situación derivada da pandemia da COVID-19 está a obrigar ás compañías para adaptarse á nova realidade da forma máis rápida e eficiente posible, á vez que se preparan estratexicamente para afrontar os retos que se presentan a medio prazo, ante un impacto económico aínda incerto.
Licenciada en Dereito, máster en Dereito Laboral e máster en Prevención de Riscos Laborais, Fátima Santiáñez conta con máis de 20 anos de experiencia no asesoramento xurídico laboral a empresas e na actualidade compaxina a dirección xurídica de Nortempo co asesoramento xurídico laboral a clientes desde Grupo Clave Servizos Laborais, empresa da que ademais é directora xeral.
Pola súa banda, o Grupo Clave é unha empresa galega dedicada desde hai máis de 25 anos a ofrecer servizos orientados a dar resposta ás necesidades dos seus clientes no ámbito das persoas. Acompañan ás empresas ofrecéndolles solucións xurídicas, de xestión laboral, consultoría, selección e formación, permitíndolles, así, crecer, a través da xestión do talento e os equipos.
O acceso de asistentes ao webinar, previa inscrición, realizarase de 9 a 9.30 horas a través da plataforma de acceso online Webex.